Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/01/2024 | Actualizada ás 19:25
O 1 de marzo abrirá o prazo para solicitar praza nos colexios galegos de face ao próximo curso, no que empezará a aplicarse a redución de cocientes ata un máximo de 20 alumnos en 4º de infantil.
O calendario e as instrucións remitidas aos centros para o proceso de admisión do curso 2024/25 foi abordado na reunión mantida este martes por técnicos da Consellería de Educación con representantes sindicais de CC.OO., ANPE e UXT para avanzar na posta en marcha do novo acordo educativo.
O contido deste pacto, do que se descolgaron organizacións como a CIG, CSIF e STEG, empezará a aplicarse xa este mes de xaneiro coa entrada en vigor das cláusulas que melloran os complementos económicos do profesorado por accións formativas, funcións directivas e tutorías.
Así, o prazo para pedir praza nos centros o próximo curso permanecerá aberto do 1 de marzo ata o 20 de marzo para as solicitudes comúns de admisión, é dicir, para os alumnos que entran por primeira vez no sistema educativo ou que desexan cambiar de centro.
O curso 2024/25 será o primeiro no que se aplicará o esquema de redución de cocientes nas aulas, que comezará co nivel de 4º de infantil, onde haberá un tope de 20 alumnos, cinco menos que na actualidade. Nos demais cursos, segundo explica a Consellería de Educación nun comunicado, non aumentará o número de alumnos que teñen na actualidade e quedarán fixados nos que teñen agora mesmo. Por exemplo, se unha aula ten 21 alumnos, o centro non poderá ofertar o catro vacantes das que disporía ata alcanzar o tope de 25, como levaba a cabo ata este momento.
REDUCIÓN BUROCRACIA
Outro dos asuntos tratados na reunión entre Xunta e os sindicatos asinantes do acordo foi a creación de catro grupos de traballo para avanzar na redución da carga burocrática do persoal docente, un dos obxectivos que se marca o pacto educativo subscrito este outono.
Cada grupo, composto por cinco persoas, estará centrado nun dos niveis educativos (Infantil e Primaria, ESO e Bacharelato, FP e Ensinos Especiais) e comezarán a traballar desde febreiro para elaborar propostas que poidan xa estar en funcionamento o próximo curso.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.