Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 11/01/2024 | Actualizada ás 21:35
"Síntome impotente aquí sentada, na pedra dunha praia de dous quilómetros de lonxitude, apañando con escoba e recolledor os pélets da area e tratando de separalos das algas a man, mentres as mareas seguen traendo máis e máis", cóntanos a Galicia Confidencial unha veciña de Santiago que quixo aproveitar as súas vacacións para, "en lugar de tomar o café, estar botando unha man". Man que semella que só botan uns poucos voluntarios, pois "onte fun á praia de Noia e máis do mesmo, eramos dous recollendo e ducias gravando", e, por suposto, "ninguén do concello nin da Xunta". Xunto á súa amiga, veciña de Ribeira, desprazáronse este xoves ata a praia do Espiñeirido, onde había unha quedada prevista para recoller microplásticos, pero "ao final hai xente que non pode vir e, por unha cousa ou pola outra, ao final non conseguimos xuntarnos con ninguén".
E é que os voluntarios que estes días se están achegando ata as praias son uns auténticos heroes. Cun frío que xea as mans e as orellas, cun vento que dificulta as labores de limpeza e cunhas mareas que volven encher de plásticos o que xa estaba limpo, atrévense a poñerse as botas, o abrigo e coller o que boamente teñen pola casa (coadores, vasoiras e capachos, entre outros utensilios improvisados) para baixar aos areais. Moitos percorren longas distancias, como é o caso desta veciña de Santiago, mentres outros aproveitan que teñen a praia ao lado para ir aportando información da situación actualizada, difundindo polos grupos de voluntarios cales son os areais que presentan unha maior problemática para que os e as limpadoras se despracen ata eles.
"AGORA SI NOS IMOS DAR CONTA DA INMENSIDADE DAS NOSAS PRAIAS"
No caso de Ribeira (un dos concellos máis afectados pola vertedura), o equipo de Galicia Confidencial puido comprobar en primeira persoa a dificultade das tarefas de limpezas. Acompañamos a estas dúas rapazas nunha xornada de limpeza. Despois de aparcar o coche no aparcadoiro da praia de Espiñeirido, xunto ao cámping, dispoñémonos a percorrer o areal. A grandeza da praia é impactante e un remata canso subindo e baixando as súas dunas. "Agora si nos imos dar conta da inmensidade das nosas praias", di unha das rapazas. As ondas baten fortemente contra as rochas e rompen na area deixando unha importante ristra de microplásticos (granulados ou pélets, como se lles queira chamar) na liña das mareas. Estamos a falar de ristras dunha lonxitude ininterrompida de quilómetros, pois ocupan toda a praia, de punta a punta. Ao fondo, nunha esquiniña, dous puntiños negros que semellan formigas dende a distancia no medio da area clariña. Son estas rapazas, que se vén moi pequenas ante a inmensidade de Espiñeirido.
A costa de Ribeira está salpicada por numerosos areais: Praia da Ameixida, de 200 metros de lonxitude; praia da Ladeira, de 1,35 quilómetros; praia do Castro e A Catia, de 1,25 quilómetros; praia da Corna, de 600 metros (aínda que ten outros 1.500 na parte da Pobra do Caramiñal); praia de Castiñeiras, de 485 metros; praia do Prado, de 270 metros; praia do Vilar, de 750 metros; praia do río Azor, de 145 metros; praia de Coroso, de 1,75 quilómetros; praia do Touro, de 10-20 metros; praia da Lagoa; de 750 metros; praia da Tasca, de 400 metros; praia da Area Basta, de 50 metros; praia de Balieiros, de 850 metros; praia de Castiñeiras, de 1,7 quilómetros; praia do Castro, de 1,3 quilómetros; praia do Couso, de 220 metros; praia de Covasa, de 20 metros; praia de Insuela, de 80 metros; praia de Mosqueiros, de 300 metros; praia do Río Azor, de 150 metros; praia do Vilar, de case 3 quilómetros... e a praia de Espiñeirido, de 300 metros (máis outros 1,3 quilómetros pertencentes ao Concello de Porto do Son), entre outras. Estamos a falar de máis de 18.700 quilómetros de costa.
"PEDIMOS MEDIOS A QUEN SEXA; ISTO NON PODE SER COUSA DUNHA MODA"
"Nós pedimos medios a quen sexa, aos concellos ou á Xunta, danos igual, pero precisamos outro tipo de ferramentas para poder abordar o asunto, senón é imposible", di a veciña de Santiago mirando todo o areal que se estende ante ela cunha vasoira e un recolledor na man, e un cubo e unhas bolsas diante. "Nin coadores temos, nin tampouco botas de auga", lamenta mentres realiza a separación dos pélets da area nun cubo con auga. E é que non todo o mundo pode mercar este material pola súa conta nin todo o mundo ten na casa algo que lles sirva para filtrar os microplásticos, dado o seu pequeno tamaño. As boliñas son tan pequenas, de menos de catro milímetros, que en moitas praias se non te fixas podes confundilas con pedriñas e pisalas. De feito, esta rapaza conta que "eu tiña medo de por onde pisar para ir recollendo, pero tampouco podo levitar".
Ademais, fai un chamamento a que "isto non sexa cousa dun día, dunha moda de que como agora sucede isto baixamos á praia porque toca", porque "xunto aos pélets atopeime moitas máis cousas, como anacos de porexpán e outros plásticos, e iso tamén contamina". De feito, a súa compañeira está recollendo mentres falamos pélets dunha liña de mareas na que tamén hai tapóns de botellas e cachos de plástico. "Cando esto deixe de saír nos medios a ver quen se acorda de que segue habendo boliñas", lamenta, sen saber tampouco moi ben onde vai deixar os plásticos recollidos, pois contedor específico non hai, e as instrucións son bastante deficientes e contradictorias. "Hai tantos grupos de información que xa non sabes a cal facerlle caso, e coas declaracións que está habendo estes días por parte de políticos como o conselleiro (Villares: "entran por onde entran e saen por onde saen"), calquera se fía", apunta, indignada, esta veciña de Santiago.
"AQUÍ IMOS POR LIBRE, NON HAI NINGÚN ORGANISMO QUE REGULE AS QUEDADAS"
"Tamén dicían que ían vir hoxe ou mañá os de Tragsa a limpar e eu aquí non vexo a ninguén, e onte que fun a Noia tampouco vin a ninguén, só a máis voluntarios, xente da confraría de pescadores e medios de comunicación", critica. Mentres tanto, e co móbil na man, vén como salta a nova de que nas veciñas Asturias e Cantabria xa hai medios do Goberno central traballando e coordinando as tarefas de limpeza. "Aquí imos por libre, non damos organizado quedadas para limpar entre varios, porque non hai ningún organismo que as regule", explica esta veciña de Santiago, que cre que "así non imos a ningún lado". Mentres, volve baixar a cabeza para seguir elixindo entre a auga e a area os pélets cos seus rudimentarios guantes, coa súa compañeira vertendo máis microplásticos no cubo que trae nun recolledor.
FEGAMP
O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), o socialista Alberto Varela, acudirá na tarde deste xoves á reunión no marco do plan anticontaminación Camgal para abordar a vertedura de pélets plásticos nas costas galegas. Alí, esixirá que se forme un "mecanismo de coordinación permanente" cos concellos para "non repetir os erros" que, denuncia, houbo durante a pandemia de covid-19.
Así o avanzou o tamén alcalde de Vilagarcía de Arousa, tras participar na xunta de portavoces da federación municipalista, cuxa maior parte do tempo serviu para avaliar a situación nos municipios costeiros afectados pola chegada das bólas de plástico que saíron dun colector caído do buque 'Toconao' o 8 de decembro.
A través dun comunicado, a Fegamp quere "deixar de lado as polémicas" e "que se actúe xa de maneira coordinada". Neste sentido, cre que "está a se tardar demasiado en tomar decisións urxentes" por parte da Xunta, o que provoca que os concellos "volvan ser os máis prexudicados" para facer fronte á recollida de pélets nas praias
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.