Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 15/01/2024 | Actualizada ás 21:00
Logo da súa presentación en Madrid o pasado outono, onde a peza estivo en cartel un mes completo esgotando todas as entradas e acadando o aplauso unánime do público e da crítica, a obra teatral IRIBARNE chegou a Galicia.
Este sábado 13 de xaneiro encheu o Auditorio municipal da Vilalba natal de Fraga e o sábado 20 encherá o Auditorio de Galicia, onde tamén esgotaron os billetes. A partir de aquí, a peza chegará durante o 2024 a outras localidades da xeografía galega e algunhas españolas como, por exemplo, Pontevedra, A Coruña, Lugo, Ribadavia, Barco de Valdeorras, Vilagarcía de Arousa, Tomiño, Cangas, Narón, Miranda del Ebro, Bilbao e Vitoria.
A obra, unha revisión da figura de Manuel Fraga en clave de humor escrita por Esther F. Carrodeguas baixo a dirección de Xavier Castiñeira, é unha coprodución de ButacaZero co Centro Dramático Nacional (CDN) e a Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia.
IRIBARNE, A PEZA TEATRAL
IRIBARNE é o sétimo proxecto do tándem creativo formado por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira, ambos os dous responsables da compañía ButacaZero, e segue o ronsel das súas anteriores obras, fundamentadas na investigación e na reflexión para dialogar co presente dende unha ollada crítica e irónica. A obra está escrita por Carrodeguas, que a presenta como "un intento (irreverente) por comprender como chegamos ata aquí camiñando da man dun deses personaxes secundarios, pero incriblemente imprescindibles da nosa historia". Segundo ela, é "o traballo máis difícil que escribín ata agora" e engade que "foi complexo atopar o punto de equilibrio do humor, do estilo, así como o lugar dende o que se situar". Pola súa banda, para Castiñeira, responsable da dirección de IRIBARNE, "este personaxe é inabarcable” e “entendo o que fixo, pero non dende onde o fixo e por que o fixo", e salienta as contradicións que foron atopando durante o proceso de investigación, tanto da súa biografía persoal como da súa traxectoria política.
Ambos os dous sinalan que pertencen a unha xeración, a da Transición, que medrou rodeada dun "silencio tácito arredor da historia política recente", e embarcarse neste proxecto axudounos a entender de onde vimos. "Paréceme moi interesante que a obra, que se sustenta sobre o silencio, abra portas ao diálogo, aínda que sexa para provocar controversia", apunta Carrodeg
POSTA EN ESCENA
A montaxe está formulada en tres episodios, que reflicten a evolución política do noso país, dende o franquismo, a transición e a democracia, para culminar co período de hexemonía de Fraga en Galicia. "Pareceunos que un político que ocupara cargos de alta responsabilidade e que se mantivo no poder ao longo dun período tan dilatado podería ser un personaxe interesante para falar sobre a identidade de España", sinala Esther F. Carrodeguas.
A posta en escena de IRIBARNE ofrece, con ritmo frenético, un xogo coral no que todo o elenco --integrado por Xurxo Cortázar, Jorge de Arcos, Esther F. Carrodeguas, Mónica García, Anxo Outumuro e Lidia Veiga-- se vai dando o relevo para interpretar ao protagonista. Trátase dunha "peza extremadamente divertida, moi tola, moi teatral de ver", afirma o seu director. Nela caben todas as iconas pop das diferentes épocas, dende Palomares ata Salomé, Massiel, Serrat... pasando por episodios máis tráxicos, como Grimau, os asasinatos de ETA ou a morte de Franco. "Percorremos dende a infancia ata a morte de Fraga, e iso é toda a historia recente do país", afirma Castiñeira. "Pero non estamos a intentar facer Historia nin un biopic, senón darlle unha volta moi cómica e contemporánea, mirando dende aquí e agora, sen acritude, o pasado", conclúe o director.
Completan o equipo artístico Diego Valeiras, que asina o espazo escénico xunto ao propio Xavier Castiñeira e mais o vestiario, Diego Vilar, a cargo da iluminación, Pablo Fontenla, responsable da parte audiovisual, a coreógrafa Sabela Domínguez e o produtor musical Berto, creador da banda sonora orixinal da obra que inclúe o single WHO THE F*CK IS IRIBARNE? e que está editada por Subterfuge Records.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.