Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/01/2024 | Actualizada ás 19:00
As centrais sindicais CIG, CC.OO., UGT e USO acordaron levar a cabo mobilizacións no sector das ambulancias "ante a negativa patronal a respectar o pactado no convenio colectivo", así como para reclamar á Xunta que licite novos contratos.
Nun comunicado, a CIG explica que o pasado luns houbo unha reunión entre a parte social e empresarial para aclarar dous artigos "nos que está a haber problemas", que son os relativos á paga extraordinaria e á paga de regulación, co fin de pechar así o texto definitivo do convenio para proceder á súa publicación.
Os sindicatos denuncian que a patronal "se retractou do pactado no preacordo alcanzado o pasado mes de xullo", o cal puxo fin ao conflito laboral no sector. Ante esta situación, a representación sindical decidiu levantarse da mesa e retomar a protesta.
Así mesmo, critican o "deixamento" da Xunta con este servizo, xa que aínda ten pendentes de licitar os concursos do transporte sanitario non urxente, "a pesar de que se comprometeu a publicar os pregos no mes de outubro".
Avisan de que, "cun goberno en funcións e á porta das eleccións autonómicas, a resolución de novos contratos demorarase aínda máis no tempo", "prexudicando gravemente" aos traballadores, posto que unha parte do aumento salarial vai vinculado aos novos contratos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.