Convocadas para o 3, 4 e 10 de febreiro as oposicións ao Sergas, ás que están chamadas 20.515 persoas

Ofértanse, entre categorías sanitarias e de xestión, 913 prazas.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 17/01/2024 | Actualizada ás 17:26

Comparte esta noticia

O DOG publicou este mércores que os exercicios de oposición para persoal estatutario do Sergas, para os que están convocadas 20.515 persoas, realizaranse os días 3, 4 e 10 de febreiro no Recinto da Feira Internacional de Galicia en Silleda. Ofértanse, entre categorías sanitarias e de xestión, 913 prazas.

O sábado 3 de decembro ás 09.00 horas examinaranse 1.618 persoas para as categorías de enfermeiro especialista en enfermaría obstétrico-xinecoloxía (46 prazas), técnico superior en imaxe para o diagnóstico (12 prazas), técnico xestión de sistemas e tecnoloxías da información (dúas prazas) e terapeuta ocupacional (6 prazas).

Na tarde do sábado, ás 16.00 horas, examinaranse as 7.790 persoas admitidas na categoría do grupo auxiliar da función administrativa, para a que se ofertan en total 318 postos de traballo. Un total de 669 aspirantes examinaranse a mañá do domingo. Ponse a disposición dos examinados 10 prazas de enxeñeiro técnico, 32 de enfermeiro especialista en enfermaría pediátrica, 31 de enfermeiro especialista en enfermaría de saúde mental; e 17 de odontólogo de atención primaria.

A categoría de celador foi a de máis admitidos (8.300 persoas), os cales realizarán a proba pola tarde e por diferentes quendas de acceso (libre, promoción interna, discapacidade xeral e discapacidade intelectual). En total hai dispoñibles 306 postos. Máis de 2.100 persoas examinaranse a semana seguinte, na mañá do sábado. Son os correspondentes ás categorías de enfermeiro especialista en enfermaría familiar e comunitaria (61 prazas), fisioterapeuta (70 prazas), técnico superior en hixiene bucodental (dúas prazas) e técnico superior de sistemas e tecnoloxías da información (unha praza).

ASPIRANTES XESTANTES E EN LACTACIÓN

A Xunta lembrou nun comunicado de prensa que a páxina web do Sergas recolle a información para o exame e que, en concreto, aquelas persoas que queiran exercer o seu dereito á lactación teñen unha sala habilitada que deberán solicitar antes do 25 de xaneiro. Así mesmo, tamén se contempla a posibilidade de que aquelas persoas que se atopen hospitalizadas por embarazo na data do exame poidan facelo no hospital. Os seguintes exames para persoal médico e facultativo especialista de hospitais e 061 están previstos para o mes de marzo.

Miles de aspirantes vestíronse de negro como protesta mentres realizan as oposicións de Enfermaría do Sergas, no Recinto Feiral, a 25 de xuño de 2023, en Silleda
Miles de aspirantes vestíronse de negro como protesta mentres realizan as oposicións de Enfermaría do Sergas, no Recinto Feiral, a 25 de xuño de 2023, en Silleda | Fonte: Europa Press - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta