Por Europa Press / Redacción | Compostela | 22/01/2024 | Actualizada ás 14:08
A Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) convidou aos candidatos de PP, BNG, PSdeG, Sumar e Podemos á Presidencia da Xunta a participar un debate electoral o vindeiro martes 5 de febreiro, nos seus estudos en San Marcos, en Santiago de Compostela.
O debate de cara aos comicios do 18 de febreiro exponse a cinco e deixa fóra a Vox. A CRTVG contempla as formacións xa mencionadas porque, segundo argumenta nun comunicado, son as "máis representativas" de Galicia, en base aos criterios que recolle un acordo da Xunta Electoral de Galicia emitido o sábado, 20 de xaneiro.
En concreto, están convidados os candidatos de PP (Alfonso Rueda), BNG (Ana Pontón) e PSdeG (José Ramón Gómez Besteiro) por ser os grupos con representación no Parlamento galego tras as eleccións autonómicas de xullo de 2020.
Así mesmo, Sumar e Podemos acudirán en calidade de "grupo político significativo" porque en comicios posteriores, como as xerais do 23 de xullo de 2023, si obtiveron unha porcentaxe "significativa" de voto. De feito, estas dúas formacións acudiero ás eleccións estatais do ano pasado en coalición e obtiveron dous escanos, un pola Coruña --que ocupa aínda a candidata de Sumar á Xunta, Marta Lois-- e outro por Pontevedra.
A Xunta Electoral emitiu o sábado un acordo neste sentido despois de que Radiotelevisión Española (RTVE) consultara sobre como debían tratar a Sumar e a Podemos, despois de que ás xerais acudisen en coalición, no seu plan de cobertura.
A BARREIRA DO 5%
Tras esta consulta, a Xunta Electoral de Galicia mostra a súa "aquiescencia" aos criterios forumados por RTVE e, en base a iso, a CRTVG entende que ao seu debate debe convidar non só ao tres forzas con representación actual no Parlamento --PP, BNG e PSdeG--, senón tamén a Sumar e Podemos.
De feito, o ente autonómico explica nun comunicado que non convidou a ningunha outra formación porque nas eleccións posteriores ás autonómicas do 2020 non houbo ningunha que superase o 5% do voto. Isto deixa fóra a Vox porque, a pesar de que si acudiu o debate de fai catro anos, nas xerais de 2023 obtivo un 4,79% en Galicia. Fontes desta formación, cuxo candidato á Xunta é o vigués Álvaro Díaz-Mella, ratifican a Europa Press que recorrerán esta decisión.
No caso de DO, partido de Jácome que conseguiu vencer as municipais celebradas en maio de 2023 en Ourense, só preséntase por esta provincia e non acudiu ás xerais. Cabe lembrar que o debate organizado pola TVG fai catro anos, para as últimas galegas, foi a sete: PP, BNG, PSdeG, Galicia en Común-Anova Mareas, Marea Galeguista, Cidadáns e Vox.
REUNIÓN DE PARTIDOS ESTE MARTES
Á marxe das propostas que partiron da CRTVG e doutros medios de comunicación, este martes está prevista unha reunión ao mediodía no hotel compostelán Porta do Camiño no que os responsables de campaña e dirixentes de varios partidos analizarán a conxuntura dos debates electorais previos ao 18 de febreiro. Inicialmente, o PPdeG púxose en contacto con BNG, PSdeG e Sumar, ao entender que foron os que conseguiron representación nas últimas xerais. Os socialistas puxeran sobre a mesa a data do 23, que foi aceptada polos populares, e fontes dos diferentes partidos confirmaron a súa intención de asistir.
Fontes consultadas por Europa Press ratificaron que, unha vez que se pronunciou a xunta electoral, os populares optaron por convidar tamén a Podemos.
COBERTURA DE RTVE
A dúbida que elevou RTVE á Xunta Electoral, e que logo serviu de base á CRTVG para expor o seu debate, era sobre como debía tratar a Sumar e Podemos no seu plan de cobertura de face ao 18F.
Así, como RTVE atribúe a cada partido o mesmo porcentaxe de voto nas xerais de 2023 --un 5,46%--, cre que debe adoptar outro criterio para establecer os tempos e a orde en que se deben facer as entrevistas, entre outros aspectos.
Neste sentido, Radiotelevisión Española si tivo en conta o resultado das autonómicas do 12 de xullo de 2020, no que este espazo político concorreu conxuntamente baixo a denominación Galicia en Común-Anova Mareas. Esta coalición incluía a Podemos, Esquerda Unida e Anova, formación nacionalista que en 2024 rexeitou concorrer e pedirá o voto para o BNG. Equo, pola súa banda, presentouse en solitario.
Galicia en Común-Anova Mareas quedou fóra do Parlamento en 2020 con 51.630 votos que RTVE considera que, a efectos do seu plan informativo para os comicios deste ano, débense repartir entre tres a partes iguais, a razón de 17.210 votos cada un, entre Podemos, Sumar --herdeira de Esquerda Unida-- e Anova.
No entanto, Radiotelevisión Española decidiu que vai dedicar máis tempo á coalición de Sumar porque, á parte dos 17.210 votos de 2020 que lle corresponden ao repartir os de Galicia en Común-Anova Mareas, recolle tamén outros 956 que obtivo Equo. En total, suman 18.166. Por tanto, a candidatura de Podemos conta con 17.120 apoios do ano 2020, xa que Alianza Verde, coa que vai en coalición esta vez, está considerada de nova creación. Anova, ao que lle corresponderían outros 17.120 votos, non concorrerá ao 18F.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.