Por Europa Press / Redacción | | 22/01/2024 | Actualizada ás 16:09
O presidente da Xunta e candidato do PPdeG á reelección, Alfonso Rueda, augurou que a composición dos debates electorais que se articulen antes do 18F --co foco no organizado pola CRTVG-- limitaranse a constatar "unha realidade", en relación a que hai "dúas alternativas": a que representa o PPdeG e a de "unha multiesquerda mal avenida" con forzas que compiten entre si.
Nesta xornada na que transcendeu que a Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) convidou aos candidatos de PP, BNG, PSdeG, Sumar e Podemos á Presidencia da Xunta a participar un debate electoral o vindeiro martes 5 de febreiro, nos seus estudos en San Marcos, en Santiago de Compostela. O debate de cara aos comicios do 18 de febreiro exponse a cinco e deixa fóra a Vox. A CRTVG contempla as formacións xa mencionadas porque, segundo argumenta nun comunicado, son as "máis representativas" da Comunidade, en base aos criterios que recolle un acordo da Xunta Electoral de Galicia emitido o sábado, 20 de xaneiro.
Así mesmo, Sumar e Podemos acudirán en calidade de "grupo político significativo" porque en comicios posteriores, como as xerais do 23 de xullo de 2023, si obtiveron unha porcentaxe "significativa" de voto. De feito, estas dúas formacións acudiron ás eleccións estatais do ano pasado en coalición e obtiveron dous escanos, un pola Coruña --que ocupa aínda a candidata de Sumar á Xunta, Marta Lois-- e outro por Pontevedra.
UNHA MANIFESTACIÓN "MENOS MULTITUDINARIA DO ESPERADO"
Rueda, trasladou o seu respecto a quen "lexitimamente" acudiu a Santiago este domingo á manifestación en defensa do sector do mar --coa chegada dos pélets á costa como pano de fondo--, pero advertiu que "foron os menos" e que a protesta foi menos multitudinaria do "esperado inicialmente". O que si se viu, afirmou Rueda, quen se desprazou a Chantada para participar nun acto este luns, é "a presenza da multiesquerda en Galicia".
"Non faltou absolutamente ninguén. Todos os partidos estaban alí para defender todo menos o que dicía a manifestación e facer o que tentaron desde o principio: manipular, levantar bulos, danar moito ao sector da pesca e mirar simple e exclusivamente cara ás eleccións", afeou.
"TURISMO DE MANIFESTACIÓN"
"Onte volvéuselles a ver o plumero clarísimamente", interpretou Rueda, quen censurou, ademais, o "turismo de manifestación" de dirixentes políticos que, remarcou, no caso de PSOE e Sumar "viñeron de Madrid simplemente a apoiar aos seus partidos e nunca a ningunha causa que teña que ver coa defensa do medio ambiente nin do mar".
O presidente galego mostrouse convencido de que a situación "contrastou claramente" coa actitude da Xunta, unha administración que, defendeu, se centrou en "seguir limpando as praias" e atenta á chegada de novos pélets que, "afortunadamente practicamente non se está producindo". Tamén, dixo, centrada en "seguir pedindo" ao Goberno central esa axuda en altamar que, queixouse, séguese " sen obter". "Creo que onte se viu claramente a diferenza entre as dúas actitudes", resolveu.
O TRABALLO DA OFICINA MÓBIL PARA EMIGRANTES
Rueda destaca o traballo de aseroramiento da oficina móbil de atención a emigrantes retornados permite achegar información sobre o retorno a calquera punto da comunidade Durante unha visita á oficina móbil ao seu paso polo municipio de Chantada, Rueda subliñou que o obxectivo desta iniciativa é garantir que ningún retornado quede sen apoio por ter dificultades para desprazarse ata a cidade.
"Retornar é un dereito, pero somos conscientes de que non é fácil e que se precisa apoio despois de tomar esta decisión valente para poder integrarse e sentirse a gusto desde o primeiro día na que sempre foi a súa terra", sinalou Rueda.
Deste xeito, a oficina percorre o rural galego para resolver dúbidas sobre trámites, cuestións tributarias, sobre o sistema educativo ou a vivenda, así como para ofrecer asesoramento e orientación laboral personalizada.
Nesta liña, insta a non esquecer que "moitos dos antepasados dos que agora retornan", que no seu día tiveron que emigrar sen "deixar nunca de sentirse galegos", son os que "axudaron a construír a Galicia das oportunidades" da actualidade. Este servizo completa o que xa ofrecen as sedes físicas das oficinas en Santiago, A Coruña, Vigo, Lugo e Ourense.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.