Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 23/01/2024 | Actualizada ás 19:35
O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Alberto Varela, reuniuse este martes coa presidenta do Colexio oficial de Traballo Social, Miriam Rodríguez, para abordar a "situación creada" pola Xunta co anuncio do Bono Coidado no Fogar, creando "confusión" entre profesionais e familias.
O presidente da FEGAMP explicou que a difusión dese bono intensificouse tras a publicación no DOG da modificación da regulación do recoñecemento da situación de dependencia (o pasado 30 de novembro) "xerando moita confusión" e "moitas dificultades" para as traballadoras e traballadores sociais que desenvolven a súa labor nos concellos e que vense saturados polas consultas e solicitudes de información.
Así, a Federación lamentou que estes profesionais teñen como "única posibilidade de consultar á Xunta" sobre o bono un correo electrónico ou, ás veces, unha chamada de teléfono, "recibindo respostas diversas e ambiguas sobre consultas semellantes". "Ata hai concellos que xa están a solicitar reunións de traballo do seu persoal técnico con responsables técnicos da Consellería de Política Social para resolver as cuestións que se lles expoñen na tramitación deste bono", engadiu a FEGAMP.
No encontro deste martes, acordouse organizar "con urxencia", desde a Federación, unha reunión de traballo dirixida a concellos para resolver todas as dúbidas, con presenza do Colexio de Traballo Social, e contactar coa Xunta para que haxa representantes da Consellería de Política Social.
O presidente da FEGAMP, Alberto Varela, lembrou o compromiso dos concellos galegos coa mellora do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) na atención a persoas dependentes e na calidade das condicións do traballo dos profesionais, así como a súa reclamación ao goberno galego para que transfira o financiamento necesario e que esta non teña que saír das arcas municipais. Por iso, advertiu de que os "parches" como o Bono Coidado "non resolven nada", porque "o adecuado sería incorporar ese diñeiro á mellora do financiamento do SAF", algo que melloraría a calidade do servizo e as condicións laborais.
"AXUDA NOVA"
Ante o comunicado da FEGAMP, a Consellería de Política Social sinalou que o Bono Coidado é unha "medida nova" e "de calado", polo que "é natural" que xurdan "preguntas e interese por parte da cidadanía". "Este interese demostra que é unha medida de éxito e necesaria", sinalaron fontes do departamento autonómico.
Sen referirse a a petición desa reunión urxente, Política Social limitouse a apuntar que o Bono "non existía nin existe ata o momento en ningunha outra Comunidade Autónoma" e lembrou que se trata dunha axuda de 5.000 euros ao ano para as persoas con dependencia atendidas no seu fogar, independentemente do seu grao ou situación económica.
Segundo indicou a Xunta, é "unha axuda que xa comezaron a recibir desde a primeira semana de xaneiro máis de 18.000 galegos que eran beneficiarios da libranza por coidado, sen realizar ningún trámite administrativo". No caso das persoas que estean a recibir outra prestación, engadiron fontes do goberno autonómico, ou queiran cambiarse, ou non teñan recoñecida a dependencia, "primeiro deberán solicitala nos servizos municipais do seu Concello ou do centro de saúde". Finalmente, a Xunta asegurou que xa informou aos traballadores sociais sobre esta nova prestación social "a través da canle habitual, a aplicación informática Matiass".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.