O sindicato CESM pide "contratos duradeiros"para evitar que gripes "poñan en evidencia" ao Sergas

Tamén reclaman "incentivos" para atraer médicos, pediatras e MIR á Primaria.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/01/2024 | Actualizada ás 11:21

Comparte esta noticia

A Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (CESM) reclama ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) que fomente a estabilidade a través de "contratos duradeiros" e novos "incentivos para atraer" a médicos de familia, pediatras e MIR á Atención Primaria.

En concreto, é o Sindicato Médico de Galicia (Simega), adscrito á CESM, o que fai esta suxestión despois dunha tempada de gripe que "volveu pór en evidencia a falta de previsión" do sistema público de saúde para "evitar o colapso das urxencias e ingresos hospitalarios".

Esta organización, a través dun comunicado, afirma que non se trata de "un episodio illado", senón que se produce "todos os anos". A clave, engade, sería que a Atención Primaria tivese os facultativos "necesarios" para absorber este volume de pacientes que acaban nas urxencias hospitalarias.

Neste contexto, Simega-CESM coincide "plenamente" co informe que esta semana facía público o Defensor do Paciente, ao cifrar nun 30 por cento o incremento de médicos e pediatras que precisa a Atención Primaria do Sergas. De non facelo, advirte o sindicato, o déficit de profesionais "agravarase nos próximos anos" coas xubilacións.

SANIDADE REIVINDICA AS SÚAS MEDIDAS

Por mor destas queixas, a Consellería de Sanidade reivindica que xa está a adoptar medidas "pioneiras" dentro de "as súas competencias", como a adxudicación de prazas por concurso de méritos --sen oposición--, e as melloras que supuxo os acordos alcanzados tanto con CESM como co resto de sindicatos en abril de 2020 que impactan en máis de 43.000 traballadores.

Ante as acusacións de "colapso", Sanidade nega que houbese tal porque o servizo non se "parou" e subliña que mesmo as xornadas con maior demanda --11 e 26 de decembro-- "nunca se deixou de atender" aos pacientes porque se priorizaban os casos máis graves seleccionados a través do triaje Manchester.

Así mesmo, Sanidade concorda con CESM en que "non hai médicos de familia suficientes", pero insiste en reclamar ao Goberno central que, para iso, debe incrementar as prazas de formación MIR e o número de centros acreditados para poder instruír a máis facultativos.

"E non o di Galicia, posto que 13 das 17 comunidades autónomas xa se sumaron ao manifesto promovido polo Executivo galego xunto ao País Vasco pedindo máis MIR de Familia. Entre todos, debemos insistirlle ao Ministerio que nos deixe formar a máis profesionais e que aborde, dunha vez por todas, este problema coa seriedade que merece", sentenza.

O presidente de CESM Galicia, Ramón Barreiro, o secretario xeral, Enrique Marra-López, e o delegado de CESM en Pontevedra, Enrique Fernández Carreira-Adoitar / Europa Press / Europa Press
O presidente de CESM Galicia, Ramón Barreiro, o secretario xeral, Enrique Marra-López, e o delegado de CESM en Pontevedra, Enrique Fernández Carreira-Adoitar / Europa Press / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta