O sobriño de Charlín condenado a catro anos de cadea polo atropelo mortal dunha muller en Vilanova

A sentenza considera probado que Diego Silva atropelou sobre as 20,15 horas do 17 de novembro de 2020 a unha muller que cruzaba por un paso de peóns no centro urbano de Vilanova, causándolle a morte.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/01/2024 | Actualizada ás 17:33

Comparte esta noticia

O xulgado do penal número 2 de Pontevedra condenou a catro anos e catro meses de prisión a Diego Silva Charlín, sobriño do patriarca do clan dos Charlín, polo atropelo mortal dunha muller de 76 anos en Vilanova de Arousa, ocorrido no ano 2020.

En concreto, o fallo considera ao procesado autor dun delito de homicidio imprudente, outro de condución temeraria e do delito de abandono do lugar do accidente, xa que non parou a auxiliar á vítima. Ademais da pena de prisión, establece que non poderá conducir durante seis anos e nove meses.

A sentenza considera probado que Diego Silva atropelou sobre as 20,15 horas do 17 de novembro de 2020 a unha muller que cruzaba por un paso de peóns no centro urbano de Vilanova, causándolle a morte.

O home, que conducía un Porsche Cayenne, circulaba a unha velocidade non inferior aos 77 quilómetros por hora nun tramo limitado a 40. Tratábase, ademais, dunha área ben iluminada, co que o tribunal considera que, de prestar atención á condución, vería á muller que cruzaba a calzada.

O choque foi tan violento que, tras caer sobre o capó do vehículo, a vítima saíu despedida máis de 30 metros, golpeando contra a parede dunha vivenda. A pesar de que "tivo que ser consciente" de que atropelara a alguén, Diego Silva "continuou a súa marcha e abandonou o lugar do accidente".

Neste fallo dáse a circunstancia agravante de reincidencia, dado que o procesado fora condenado xa por condución temeraria e homicidio imprudente en 2011, pola súa implicación no accidente mortal que lle custou a vida ao exconcelleiro socialista Juan Antonio Dios, ocorrido en 2007.

Ademais, tívose en conta a atenuante de confesión e de enfermidade mental, dado que dous informes apuntan a que teñen Trastorno por Déficit de Atención, aínda que non a de que era consumidor de drogas, dado que "non está acreditado que no momento dos feitos estivese baixo a influencia dun consumo previo".

Audiencia Provincial de Pontevedra
Audiencia Provincial de Pontevedra | Fonte: Confilegal - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta