Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/01/2024 | Actualizada ás 18:47
Galicia reduciu ata o 8,8% a taxa de abandono educativo temperán correspondente ao 2023 e adiántase sete anos ao cumprimento do obxectivo do 9% fixado pola Unión Europea para 2030. Así o confirmaron os datos do Instituto Galego de Estatística a falta de coñecer as cifras comparativas con España e co resto de comunidades autónomas.
Segundo informou a Xunta, desde o 2009 --no que se rexistrou un 25,8-- o abandono temperán, alumnado que decide non continuar cos seus estudos tras finalizar a etapa de Secundaria Obrigatoria, en Galicia reduciu 17 puntos.
A Consellería de Educación remarcou que os plans de reforzo académico, de atención á diversidade, de orientación e de impulso da FP Básica son "esenciais" neste resultado. Tamén, o Executivo autonómico agradeceu o labor do conxunto da comunidade educativa nese "bo resultado", especialmente no referente ao esforzo e implicación do profesorado e dos equipos directivos dos centros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.