Román Rodríguez agradece a "grandísima implicación" do profesorado para reducir a "mínimos" o abandono escolar

Galicia está case cinco puntos por baixo do 13,6% da media española

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/01/2024 | Actualizada ás 14:07

Comparte esta noticia

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, felicitou este sábado en Ferrol ao conxunto do profesorado galego por ser "referentes a nivel estatal" na loita contra o abandono escolar, tras coñecer os datos oficiais que sitúan a Galicia en "mínimos históricos", cunha redución desta taxa ata o 8,8%, "un dato positivo máis que fala da boa saúde do sistema educativo galego".

En declaracións aos medios, o titular de Educación agradeceu a "grandísima implicación do conxunto do profesorado" para poder levar a cabo "políticas orientadas na boa dirección para lograr un ensino de calidade e equidade que xere igualdade de oportunidades", que converten a Galicia nunha das comunidades con menor cifra de abandono.

En concreto, o rexistro de Galicia está case cinco puntos por baixo do 13,6% da media española, "un dato moi positivo que fai ter esperanza de face ao futuro" e que supón o adianto da comunidade en sete anos ao obxectivo do 9% fixado pola Unión Europea para 2030, fronte a España, "que vai con atraso", lembrou o conselleiro, sen cumprir aínda o obxectivo 2020.

En vista destas cifras, Román Rodríguez animou a "imitar o modelo galego e a interesarse polo traballo dos profesionais da comunidade nos centros educativos", que actúan "de forma cirúrxica" sobre os alumnos con máis dificultades a través de iniciativas de orientación, reforzo das competencias e fomento dos itinerarios personalizados na FP Básicas.

OUTROS INFORMES

O conselleiro tamén mencionou os datos PISA, que sitúa a Galicia "a nivel internacional no posto 12", mentres que o conxunto de España "está no posto 28". Ademais, engadiu que o galego é "o sistema educativo máis inclusivo de España", con "a maior porcentaxe de alumnos con necesidades educativas especiais inseridos dentro das aulas ordinarias".

"Datos moi positivos que falan dunha gran implicación do sistema educativo, do gran traballo que levan a cabo os profesores e os centros, e dunhas políticas educativas que dan estabilidade que con programas e proxectos permiten ter de maneira sucesiva unha serie de datos moi positivos que nos fai ter moita esperanza de face ao futuro", concluíu.

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, inaugura a xornada formativa para o profesorado / XOÁN CRESPO / Europa Press
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, inaugura a xornada formativa para o profesorado / XOÁN CRESPO / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta