Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/01/2024 | Actualizada ás 20:11
As protestas que os agricultores franceses levaron a cabo esta semana con cortes dalgunhas das principais autovías do país afectaron tamén a numerosos transportistas galegos que quedaron atrapados no país galo.
Aínda que desde este sábado a situación mellorou tras a reapertura da autovía A-7, durante os últimos días transportistas galegos víronse afectados. Entre eles un centenar de camioneiros lucenses ou varios profesionais e autonómos da empresa Tir Compostela.
En declaracións á TVG recollidas por Europa Press, un portavoz da entidade explicou que varios autónomos que traballan para esta empresa atopábanse parados á entrada de París. Ademais, o venres os manifestantes paralizaron un dos seus camións, do que tiraron a mercadoría e plantáronlle lume sen que a Policía francesa, asegurou, fixese nada por evitalo.
Mentres, a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, mostrouse preocupada por esta situación que viviron os transportistas e por como pode afectar á economía das empresas. A responsable de Mobilidade do Goberno galego sinalou este domingo nunha entrevista na Radio Galega que o Goberno de España "ten o deber coas relacións institucionais con Francia para resolver este problema".
Así, manifestou que se trata dunha problemática que afecta a "un servizo esencial, necesario e que debe funcionar". Tamén avanzou que a Xunta se puxo a disposición da asociación de transportistas de Lugo "para axudar na medida" que poida colaborar a administración autonómica.
Con todo, pediu ao Ministerio de Transportes que, dentro das súas competencias e relacións institucionais entre España e Francia, "atopen unha solución para poder traballar con normalidade".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.