"Unha vida viquinga", a gran exposición sobre o mundo normando en Galicia

España, Suecia, Dinamarca e Francia únense para unha mostra "rigorosa" que traerá a Galicia pezas nunca expostas.

Por Europa Press / Redacción | España | 30/01/2024 | Actualizada ás 13:58

Comparte esta noticia

Baixo o título 'Unha vida viquinga', o Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura acollerá, na segunda metade deste ano, unha gran exposición sobre o mundo e a cultura viquinga con case 120 pezas procedentes de catro países: España, Suecia, Dinamarca e Francia, a maioría delas non exhibidas nunca en España e algunha nunca exposta con anterioridade.

Este último é o caso, por exemplo, dunha pequena empuñadura de espada de xoguete achada en 2014 no xacemento sueco de Birka e que nunca foi mostrada ao público, unha peza cotiá que cumpre co fío argumental co que a comisaria, Irene García Losquiño, ideou a mostra, ir máis aló da "imaxe estereotípica" dos viquingos como guerreiros e trasladar aos público aspectos da súa vida cotiá.

"Queremos mostrar como sería unha vida humana completa no mundo viquingo", dixo durante a presentación da mostra, alegando que na visión que habitualmente se ten desta cultura hai moitas crenzas nesgadas e unicamente dáse peso ao aspecto bélico. A exposición, así, centrarase na vida diaria, as relacións comerciais e culturais, a infancia ou o papel da muller, entre outras cuestións.

Entre estas relacións, tamén se trazarán as que os viquingos tiveron con Galicia que, en palabra de Irene García, son "moi descoñecidas". Para a comisaria, o máis destacable é que o contacto entre ambas as culturas non foi tan puntual como habitualmente crese, se non que se mantivo "unha relación estable durante máis de 200 anos", con nexos sobre o territorio na comunidade.

ACORDOS CON CATRO PAÍSES

Para facer posible esta mostra, a Xunta pechou acordos de colaboración con Museos Nacionais de Historia e Arqueoloxía de Suecia, Dinamarca, Francia e España, algúns deles con coleccións de referencia neste ámbito.

Será, como dixo o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, unha das exposicións "máis completas" sobre a cultura viquinga organizadas en España. "Unha mostra que fala tanto da forxa da identidade galega como do espírito europeo e que reflicte como esta civilización afondou polo continente e deixou a súa pegada en Galicia", destacou.

No consello asesor atópanse nomes como o do Catedrático de Arqueoloxía da Universidade de Uppsala, Neil Price, a investigadora do Museo Nacional de Historia de Suecia Charlotte Hendenstierna-Jonson, ou a catedrática de Arqueoloxía Medieval da University of Highlands and Islands, Alexandra Sanmark.

Entre os expertos galegos están a especialista en Historia da arte Medieval da USC Rosa María Rodríguez Porto, o profesor de Arqueoloxía da USC José Carlos Sánchez Pardo, ou o xornalista e divulgador Manuel Gago.

'Unha vida viquinga' poderá visitarse no Museo Centro Gaiás, con entrada gratuíta, entre xullo de 2024 e xaneiro de 2025. Paralelamente, no último trimestre do ano, o Museo do Mar de Galicia, en Vigo, acollerá outro proxecto expositivo centrado na cultura viquinga con destacados nomes da fotografía.

O Museo Centro Gaiás acollerá na segunda metade do ano unha exposición sobre a cultura viquinga.. XUNTA
O Museo Centro Gaiás acollerá na segunda metade do ano unha exposición sobre a cultura viquinga.. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta