O Sergas empezará a recrutar "en semanas" pacientes de hematoloxía para as terapias CAR-T contra o cancro

García Comesaña visita o Centro de Terapias Avanzadas de Santiago, que fará de Galicia "un referente" na fabricación destes fármacos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/01/2024 | Actualizada ás 13:49

Comparte esta noticia

As unidades de hematoloxía dos hospitais do Servizo Galego de Saúde (Sergas) empezarán "en cuestión de semanas", "probablemente" ao longo de febreiro, a recrutar pacientes que poidan beneficiarse de terapias CAR-T contra o cancro.

Así o avanzou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, tras realizar unha visita este mércores ao centro de Centro de Fabricación de Terapias Avanzadas de Galicia, emprazado no complexo de Monte da Condesa do Campus Sur de Santiago de Compostela.

Os medicamentos CAR-T recollen o nome dun tipo de células que se extraen do sangue dos doentes. Estas células modifícanse xeneticamente e devólvense ao paciente para que loiten contra as cancerígenas sen danar as sas.

Unha vez finalizadas as probas de instalación e operación dos equipos deste novo centro, que arrincou a súa actividade a finais de 2023, agora iníciase unha fase de "simulación aséptica", propia da fabricación de produtos estériles. Isto vai permitir "comezar os labores de produción e demostración" do produto denominado 'ARI-003', fabricado polo Hospital Clínic de Barcelona e co que o Sergas ten un convenio.

De tal maneira, neste Centro de Terapias Avanzadas iniciarase un ensaio clínico que xa está autorizado para que se poidan recrutar xa, en "cuestión de semanas", pacientes galegos que se beneficien do 'ARI-003'. A idea, tal e como confirmou o conselleiro, é "fabricalos aquí", desde Santiago. García Comesaña percorreu as instalacións, de case 1.000 metros cadrados, acompañado da xerente do Sergas, Estrela López-Pardo, o director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, e a xerente da empresa pública Galaria, Rocío Mosquera.

"EXCELENCIA DOS PERFÍS"

Neste contexto, o conselleiro de Sanidade felicitou a Galaria polo proceso de selección do persoal, pola "excelencia dos perfís biosanitarios e a atracción de talento internacional retornado" a Galicia. Todos eles farán que a Comunidade "sexa un referente, tanto na produción como na investigación" dos tratamentos CAR-T.

Dentro do programa de I+D deste Centro de Terapias Avanzadas un dos doctorandos que forman parte do cadro de persoal está baixo a dirección conxunta da doutora África González, da Universidade de Vigo, e céntrase nun novo CAR-T fronte a tumores sólidos gástricos e pancreáticos.

Así mesmo, hai outros dous doctorandos que explora a modificación xenética dos linfocitos T a través de nanopartículas en lugar de lentivirus, baixo a codirección da doutora María José Alonso, da Universidade de Santiago.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, nunha rolda de prensa
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, nunha rolda de prensa | Fonte: Xunta de Galicia - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta