Rafael López, xefe de Oncoloxía no CHUS: "En 5 anos a supervivencia no cancro de pulmón avanzado pasou do 0 ao 30 %"

O tamén investigador no Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) recorda que a pandemia fixo moito dano á loita contra o cancro, porque "deulle un freazo" do cal "aínda non se recuperou". "Si que é certo que moitos servizos de oncoloxía e radioterapia continuamos coa actividade, dando servizo aos pacientes, pero aí non estivo o problema, o problema estivo naquelas persoas que non fixeron os cribados cando lles correspondía, non fixeron diagnóstico".

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 03/02/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A loita contra o cancro semella ser ese bater contra unha parede que non das atravesado, e aínda que segues empurrando e empurrando para derribala, é moi complicado logralo. E é que resulta innegable que para unha persoa con cancro a enfermidade faise moi costa arriba, supón un cambio na súa vida ao completo e tamén un reto para a súa saúde mental. Afortunadamente, a medicina está avanzando enormemente en moi pouco tempo, o que dá a estes pacientes grandes esperanzas de cara tanto á mellora da súa enfermidade como á superación total, en non poucos casos, do seu cancro. Nesta loita atópanse día a día centos de sanitarios e médicos galegos, que a través da investigación e do contacto directo cos pacientes, tratan de seguir mellorando a medicina ata o punto de que o sufrimento das persoas sexa cada vez menor. Precisamente, neste ámbito atópase o doutor Rafael López López, xefe do Servizo de Oncoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) e investigador no Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS).

Rafael López López, xefe do Servizo de Oncoloxía do CHUS
Rafael López López, xefe do Servizo de Oncoloxía do CHUS | Fonte: IDIS - Arquivo

O doutor López explica a Galicia Confidencial que, efectivamente, "avanzouse en moitos aspectos". En concreto, apunta a que no referido a aspectos médicos, actualmente "atópase a medicina ou oncoloxía de precisión, que se está impoñendo" e tamén "estanse desenvolvendo probas diagnósticas como os paneis de secuenciación masiva (NGS) --que serven para atopar patróns hereditarios-- ou a biopsia líquida". Neste punto, resalta que "despois de moitos anos agora por fin se elaborou un catálogo de biomarcadores nacional que semella que vai ser básico para todo o que teña que ver coa medicina de precisión". E neste ámbito, asegura que moitas autonomías, entre elas a galega, a catalana ou a andaluza, "puxéronse as pilas".

Por outra banda, o investigador do IDIS tamén apunta dentro da loita contra o cancro á incorporación de novos fármacos "con resultados moi bos", que "francamente están cambiando o arseal terapéutico e aumentando e mellorando os resultados". Por exemplo, apunta á "inmunoterapia" para o tratamento de certos cancros, xa que antes, "no cancro de pulmón avanzado, as curacións eran próximas ao 0 %, e agora acadan o 30 % globalmente". "Estanse a conseguir supervivencias nalgúns tumores que eran impesables, impensables fai tan só cinco anos, sen ir máis lonxe", asegura o doutor López, que recalca que, "nese aspecto, si que estamos nun momento bo".

"EUROPA DESENVOLVE ESTRATEXIAS CON FINANCIACIÓN, ESPAÑA FAI ESTRATEXIAS E NON LLES DÁ FINANCIACIÓN"

Ademais, a nivel europeo, o doutor tamén nomea á Comisión Europea que está a punto de pecharse, xa que "planteou o cancro como o problema sanitario máis importante de Europa, e elaborou varias estratexias, entre elas o plan europeo do cancro". Con todo, non deixa pasar a ocasión para lembrar que "cando Europa desenvolve estratexias, desenvólveas con financiación, mentres que en España fanse estratexias e non se lles dota de financiación, algo que tamén se debe ter moi en conta". E considera que "en España incorporamos tarde toda esa estratexia con financiación europea, pero polo menos aínda estamos a tempo, pero tería sido non terse incorporado á estratexia". Agora, "toca desenvolvela, e apurar".

Así mesmo, o doutor López tamén apunta a que dentro da loita contra o cancro é fundamental o cribado, o diagnóstico precoz, e niso "tamén hai un movemento importante na maioría das autonomías, entre elas na galega, que si se preocupou de establecer os criterios conforme a Europa, cos rangos de idade e os métodos". Tanto é así que na actualidade xa se está pensando en "incrementar outros tres cribados, tal e como recomenda Europa, e que serían para o cancro de pulmón de alto risco, o gástrico de alto risco e a próstata". 

"PODERIAMOS EVITAR O 30 % DOS CANCROS SE QUITÁSEMOS O TABACO, REDUCÍSEMOS O ALCOL, FIXÉSEMOS EXERCICIO E COMÉSEMOS UNHA DIETA SÁ"

E é que no cancro non só é importante ter ferramentas para combatilo, senón tamén para detectalo precozmente e ter mecanismos, de ser posible, para evitalo. E isto último pode estar nas mans de cada persoa, en gran medida, porque "en España non somos moito de potenciar ou fomentar a vida saudable". Así, por exemplo, "o tabaco non remata de erradicarse, de feito hai moi poucos espazos libres de fume, e as leis que tentan coartar un pouco o tabaco ou aumentar o seu prezo, ou ben costa moito que saian adiante ou non o fan, simplemente". Fronte a isto, o investigador do IDIS asegura que "poderiamos evitar o 30 % dos cancros se quitásemos o tabaco, reducísemos o alcol, fixésemos exercicio e comésemos unha dieta sá, e todos sabemos o que é unha dieta sá, pero unha cousa é sabelo e outra cumplilo".

Finalmente, e como aspecto a mellorar, o doutor López lembra que a pandemia fixo moito dano á loita contra o cancro, porque "deulle un freazo" do cal "aínda non se recuperou". "Si que é certo que moitos servizos de oncoloxía e radioterapia continuamos coa actividade, dando servizo aos pacientes, pero aí non estivo o problema, o problema estivo naquelas persoas que non fixeron os cribados cando lles correspondía, non fixeron diagnóstico, e a situación foi dramática", de tal xeito que "é lóxico que a día de hoxe continúe habendo un certo retraso diagnóstico". O problema é que, dende o seu punto de vista, "tampouco houbo grandes plans para tentar recuperar esas estratexias de cribado, senón que se deixou correr a situación". Por sorte, cre que cada vez máis "o paréntese vaise pechando máis, pero aínda non está pechado por completo" e por iso "hai que chamar a atención sobre iso".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta