Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/02/2024 | Actualizada ás 16:48
A 29ª edición do Ourense Filme Festival (OUFF) celebrarase entre o 27 de setembro e o 6 de outubro de 2024, enlazándoa así co final do Festival de Cinema de San Sebastián, como xa é costume.
Tal e como detallan nun comunicado, nesta edición un dos eventos máis destacados será a exposición antolóxica do fotógrado ourensán Manuel Outumuro. A mostra, promovida desde a Deputación de Ourense, terá lugar no Centro Cultural Marcos Valcárcel.
Manuel Outumuro é orixinario da Merca e conta cunha traxectoria profesional que lle valeu o recoñecemento internacional. Foi galardoado en novembro de 2022 co Premio Lucie, o equivalente ao Óscar no campo da fotografía.
O artista tamén será o invitado para crear o cartel que anunciará o OUFF 2024. "O Festival mantén así a liña de escoller a creadores ourensáns de recoñecida traxectoria", destacan. Os máis recentes foron David Rubín e Mon Devane.
Como responsable da súa organización, a Fundación Carlos Velo xa traballa na elaboración das liñas de programación para unha edición que conta co apoio da Xunta de Galicia, así como de importantes patrocinadores privados.
"Para a edición do 2024 o OUFF apostará por unha maior descentralización da súa oferta programática ao resto da provincia e o seu obxectivo pasará por incrementar exponencialmente o número de espectadores da pasada convocatoria", indican. O Ourense Filme Festival 2023 incluíu homenaxes ao director Arturo Ripstein, ao realizador español Manuel Gutiérrez Aragón e á actriz Loles León.
O festival tamén ofreceu unha exposición antolóxica do traballo fotográfico do galego Chema Prado. O que fose director da Filmoteca Española expuxo no Centro Cultural Marcos Valcárcel a súa mostra 'Series', un gran proxecto con material inédito en moitos casos que estaba composto polas series 'Polaroids', 'Nada que perder', 'Cidades' e 'Infraganti'.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.