Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/02/2024 | Actualizada ás 15:00
A Plataforma SOS Sanidade Pública volve chamar a toda a cidadanía a participar este domingo, 4 de febreiro, nunha gran manifestación en Santiago de Compostela para pedir á Xunta uns orzamentos "xustos" para o Servizo Galego de Saúde (Sergas), xa que considera que os actuais non cobren as súas necesidades.
Será unha protesta que arrincará na Alameda compostelá ás 12.00 horas e que conta co apoio de diversos colectivos, entre eles sindicatos, asociacións de pensionistas e, mesmo, partidos políticos. De feito, inevitablemente esta manifestación, a pesar de que leva convocada desde principios de decembro, semanas antes de que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, convocase as eleccións do 18 de febreiro, centrará a axenda de campaña da oposición e outras candidaturas de esquerdas que tamén forman parte da plataforma convocante.
E é que os candidatos Ana Pontón (BNG), José Ramón Gómez Besteiro (PSdeG), Marta Lois (Sumar) e Isabel Faraldo (Podemos) acudirán á protesta acompañado doutros alcaldes e destacados nomes dos seus respectivos partidos. En calquera caso, o motivo da manifestación de SOS Sanidade Pública é o de denunciar que os orzamentos do Sergas para 2024 "non responden as necesidades reais" do servizo e "consolidan a situación actual de enfraquecemento e privatización".
Esta plataforma denuncia especialmente a situación da Atención Primaria, que está ao "límite" e que "necesita un impulso importante para poder desenvolver as súas capacidades". "E este impulso non aparece nos orzamentos presentados, que están lonxe do obxectivo do 25% do orzamento da sanidade pública (que fixa a OMS), quedando no 14%", asevera.
Considera, ademais, que a atención hospitalaria continúa "arrastrando" un problema de accesibilidade, "con listas de espera non publicadas", en referencia ás non estruturais; e unha "importante" falta de profesionais, "que teñen que atender a máis pacientes ingresados que os que recomendan as sociedades científicas". No que respecta á saúde mental, a plataforma ve "evidente" que o Sergas "non está a dar a resposta que se necesita" na sociedade. Así, denuncia o "elevado número de psicofármacos que toma a poboación" e reclama a presenza da psicoloxía clínica na Atención Primaria.
CRÍTICAS DE COMESAÑA
Esta mesma semana, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, defendeu os investimentos e a xestión do seu departamento para criticar a manifestación convocada para o domingo en Santiago por SOS Sanidade Pública, que busca "seguir desprestixiando" ao Servizo Galego de Saúde (Sergas).
"Mentres uns investimos en tecnoloxía e nos mellores tratamentos posibles para os pacientes, outros invisten en financiar autobuses, pancartas e escenarios para seguir desprestixiando a sanidade pública", afeou García Comesaña.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.