A borrasca Karlotta deixa un refacho de 202,3 km/h en Viveiro e un regueiro de incidencias

Caída de gallas e árbores e desbordamento de ríos entre as incidencias.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/02/2024 | Actualizada ás 12:13

Comparte esta noticia

O paso da borrasca Karlotta por Galicia está a saldarse este xoves cun reguero de incidencias, choivas copiosas e ventos dunha intensidade poucas veces rexistrada en Galicia. De feito, o refacho máis intenso ata agora producíase ás 11,30 horas da mañá en Penedo do Galo, en Viveiro, onde os sensores de Meteogalicia detectaron 202,3 km/h.

A caída de gallas e árbores, así como o desprendemento de fachadas e galerías foron as incidencias máis frecuentes durante a mañá deste xoves e sucedéronse por toda Galicia. A borrasca tamén tivo influencia no tráfico ferroviario e no aéreo.

A circunstancia que máis está a complicar as operacións en Galicia é o vento. Ademais do refacho de máis de 202 km/h en Penedo do Galo, os ventos tamén alcanzaron o 170,7 km/h en Carballeda de Valdeorras. Segundo a información das estacións de Meteogalicia, os refachos tamén chegan a 153 en O Xistral, en Muras; e a 150 en Vimianzo. En Punta Candieira, en Cedeira, o máximo márcase en 149 km/h.

As choivas, pola súa banda, están a afectar sobre todo á provincia da Coruña. Os puntos onde máis choveu son Santa Comba, con 62,9 litros por metro cadrado; Zas, con 53,1 litros por metro cadrado; e Lousame, con 46,4 litros por metro cadrado.

O mar con ondas polo temporal e a borrasca na costa de Galicia
O mar con ondas polo temporal e a borrasca na costa de Galicia | Fonte: Elena Fernández - Europa Press

ACCIDENTES DE TRÁFICO

Segundo a información do 112 Galicia, o temporal causou algúns accidentes de tráfico, aínda que, afortunadamente, sen vítimas de consideración. Na Coruña, unha moto que circulaba pola rúa Javier López López desestabilizouse a causa do vento e o seu condutor terminou ferido leve. En Santiago, na AP-9, un condutor saíuse da vía por unha balsa de auga.

Ademais, tamén se rexistraron algunhas incidencias e cortes no tendido eléctrico e de telefonía pola caída de árbores, como é o caso da área do Vicedo e de parte da parroquia canguesa de Aldán. Segundo informaron a Europa Press fontes de Naturgy, no entanto, as incidencias son puntuais e afectan en toda Galicia a uns 2.500 usuarios.

Os técnicos traballan para restablecer esta subministración, apunta Naturgy, que xa tiña activo, en previsión do temporal, un dispositivo de máis de 500 técnicos para traballar sobre o terreo e 50 grupos electrógenos por se fosen necesarios.

No conxunto de Galicia, as incidencias máis frecuentes das xestionadas polo 112 foron a retirada de árbores e ramas (124), así como retirada de obxectos nas estradas (39), derrubes (26) e incidencias de telefonía e tendido eléctrico (19). Os parques e xardíns das diferentes cidades permaneceron pechados por precaución e na maioría das localidades rexistrouse desprazamento de mobiliario urbano e colectores.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta