Temas: FRASEOLOXíA

“Non te botes polas pozas”, un de tantos fraseoloxismos galegos equivalentes a “no te tires de la moto”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 18/02/2024 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Transitando polo eido contextual comunicativo principiado na anterior entrega, referente a lle dar a entender a alguén que o que acaba de contar –ou o que se acaba de dicir– é moi esaxerado, ou moi esaxerado e presuntuoso á xunta, fornecemos neste artigo fraseoloxismos galegos que se virían correspondendo cos casteláns no te tires de la moto ou no te subas a la parra.

Pozas de Melón
Pozas de Melón | Fonte: Concello de Melón

Tal e como xa comentamos na pasada entrega, as expresións fraseolóxicas de ambos os artigos son trocables en bastantes contextos, mais cómpre ter en conta que, en xeral, moitos dos fraseoloxismos do presente artigo teñen un ámbito contextual de emprego máis extenso, xa que en non poucas ocasións serven para indicar que alguén se está a exceder nas súas palabras ou actuacións ou que hai algunha circunstancia que excede os límites do que se considera normal.

No te tires de la moto

{= Expresións con que se lle responde a alguén que acaba de inchar ou esaxerar moito algunha cousa –xeralmente botando para si–, e que indican que o receptor considera que o que se vén de dicir é unha auténtica esaxeración.}

Non te botes polas pozas # nas pozas

Non te tires polas pozas # nas pozas

Non te guindes nas pozas

Non te arreboles nas pozas

Non vaias tan alto/a no dente

Non botes por fóra da pota

[E MAIS]:

No te subas a la parra

Non te ergas ós touciños

Non (te) subas ós touciños

Non (te) subas ó poleiro # ó campanario # á besta

Ex.: — Tengo a todos los chicos del instituto que beben los vientos por mí. —Tranqui, tía, no te tires de la moto.

—Teño todos os rapaces do instituto que botan os ollos por min. —Amodo, tía, non te botes/tires polas pozas non te guindes/arreboles nas pozas non vaias tan alta no dente non botes por fóra da pota non te ergas/subas ós touciños non (te) subas ó poleiro non (te) subas ó campanario non (te) subas á besta.

● E tamén:

No te tires el moco && [E MAIS]: No te des pisto

Non te deas ó cheiro && Non te vaias do barbo && Non te mandes tanto && Non te mandes de máis && [E MAIS]: Non pintes a rabia && Non gastes borra

Ex.: —Teño todos os rapaces do instituto que botan os ollos por min. —Amodo, tía, non te deas ó cheiro non te vaias do barbo non te mandes tanto non te mandes de máis non pintes a rabia non gastes borra.

● E tamén:

No te pases && No te excedas && No te columpies

Non te pases && Non te excedas && Non te empoleires

● E inda:

Non te guindes do cabalo && Non te arreboles do cabalo && [E MAIS, POSIBLEMENTE POR CALCO DO CASTELÁN]: Non te tires da moto

Ex.: —Teño todos os rapaces do instituto que botan os ollos por min. —Amodo, tía, non te guindes do cabalo non te arreboles do cabalo.

NOTAS:

1. Obsérvese que en non poucos contextos estas expresións poden ser trocables coas que se recollen no artigo “Botar por fóra”, “botar por ela” ou “gastar borra”, equivalentes a “darse pote”.

E que, así mesmo, tamén se podería botar man en moitas situacións das secuencias expresivas que reflectiremos ó abordar, na vindeira entrega, fraseoloxismos galegos equivalentes ó castelán ¡anda ya!

2. Como xa comentamos ó principio, os máis destes fraseoloxismos cadran tamén co castelán tirarse de la moto (ou subirse a la parra) cando estes últimos dan a entender que se produce unha situación en que alguén se está a exceder nas súas palabras ou actuacións ou que hai algunha circunstancia que excede os límites do que se considera normal.

Ex.: ¡Es que el patrón se tira de la moto: más de mil euros al mes por un apartamento estilo americano, sin habitación alguna, de poco más de treinta metros cuadrados!

¡É que o patrón bótase/tírase polas pozas guíndase/arrebólase nas pozas vai moi alto no dente bota por fóra da pota érguese/sóbese ós touciños sóbese ó poleiro/campanario vaise do barbo dáse moito ó cheiro mándase moito pásase moito empoléirase moito: máis de mil euros ó mes por un apartamento estilo americano, sen cuarto ningún, de pouco máis de trinta metros cadrados!

3. É de facer notar que na obra normativa de referencia (o Dicionario da Real Academia Galega) o verbo subir non se contempla como pronominal, mais entendemos que inda que o seu emprego básico –para as acepcións que aquí estamos a tocar– é intransitivo, tampouco lle son alleos os usos pronominais.

4. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes, ou inspiradas nelas:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Castro Otero, Salvador et alii: “Botando unhas liñas no mar do Morrazo”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 19, 2017, páxs. 127-150. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Goce Denis, Amparo: “Parucadas: un ‘dialecto’ vivo nacido en Baiona”. Blog no enderezo de Internet http://parucadas.blogspot.com/.

- Groba Bouza, Fernando: “A cabalo regalado non se lle mira o dente. Compilación da fraseoloxía equina galega actual”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 12, 2010, páxs. 317-372. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Noriega Varela, Antonio: Como falan os brañegos. Ed. Nós, 1928, A Coruña.

- Requeixo Cuba, Armando: “Sobre fraseoloxía galega: algunhas mostras da área mindoniense”. Cadernos de Lingua, 9, 1994, páxs. 89-110. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta