Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/02/2024 | Actualizada ás 19:30
Altri achegará un total de 2 millóns de euros ao fondo público-privado da Xunta para a prevención de incendios, creado no marco da lei de recuperación de terra agraria. Esta achega súmase aos 9 millóns que destina Inditex ao fondo. O Goberno galego avanza que se prevén novas incorporacións ata un total de 36 millóns --dos cales 18 millóns son de fondos públicos da Xunta--.
O acordo con Altri terá unha duración de catro anos e contempla obxectivos principais como ordenación de montes, recuperación de zonas afectadas, conservación de recursos forestais e aproveitamento de produtos como resina ou mel. Por outra banda, o Consello da Xunta avaliou un informe de Medio Rural que deseña unh experiencia piloto coa implantación de áreas devasas na comarca de Monterrei, na 'Raia', para evitar incendios transfronteirizos entre Galicia e Portugal.
Estas áreas comezarán a instalarse en Videferre, municipio de Oímbra, e estudarase a súa implantación no resto de municipios limítrofes: primeiro na comarca de Monterrei e, nunha segunda fase, en concellos fronteirizos das provincias de Ourense e Pontevedra.
Esta iniciativa arrinca co estudo da incidencia de lumes na zona sueste da provincia de Ourense na última década para proxectar estas actuacións. Haberá áreas non produtivas de limpeza de franxas e outras produtivas de silvicultura.
Noutra orte de cousas, o Consello da Xunta avaliou outro informe no que se recolle que se prevé introducir gando ovino e caprino para facilitar o control de biomasa en áreas estratéxicas para previr os incendios forestais en Galicia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.