18F.- Un total de 2.693.624 galegos están chamados ás urnas este domingo, co foco posto no medio millón na diáspora

Case 59.000 electores xa emitiron o seu voto por correo para este 18F, que se desenvolverá en 2.347 locais cun total de 3.950 mesas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 18/02/2024 | Actualizada ás 10:20

Comparte esta noticia

Un total de 2.693.624 galegos poderán votar nas eleccións autonómicas que se celebran este domingo, 18 de febreiro, segundo os datos que publicou en decembro o Instituto Nacional de Estatística (INE). Deles, 2.217.110 residen en Galicia e 476.514, o 17,7 % do censo, no estranxeiro. Ademais, 79.072 persoas poderán participar por primeira vez nunhas eleccións ao Parlamento de Galicia, por cumprir 18 anos desde a anterior votación celebrada o 12 de xullo de 2020.

Por circunscricións, na Coruña serán 1.088.386 os galegos con dereito a voto, sendo a máis ampla, seguida de Pontevedra, con 911.704 sufragistas. En Lugo poderán emitir o seu voto 337.734 persoas e en Ourense, 355.800. A xornada desenvolverase en 2.347 locais electorais que, en total, albergarán 3.950 mesas.

CASE MEDIO MILLÓN DE ELECTORES NA DIÁSPORA

De todos os galegos chamados ás urnas, hai case medio millón (476.514) que residen no exterior e que nesta ocasión, igual que nos comicios xerais de xullo de 2023, non terán que rogar o voto previamente. O censo de residentes ausentes (CERA) definitivo para o 18F, que tamén publicou o INE, reflicte á súa vez un incremento dos rexistrados en relación ao censo das últimas xerais (cunha alza de máis de 4.000 persoas). Iso si, ata este venres aínda se descoñece cal foi a participación da emigración.

Por circunscricións, a provincia da Coruña é a que rexistra un maior número de electores CERA, con 164.8421; seguida de Pontevedra, con 138.182; Ourense, con 103.832; e Lugo, con 69.658. E en canto ao 'top cinco' de países, segundo o número de potenciais electores que residen no estranxeiro, Arxentina segue á cabeza con moita diferenza, xa que computa 166.289. Séguenlle Cuba e Brasil, onde se superan os 45.000. Mentres, Uruguai computa 37.165; e Suíza, o primeiro país alleo ao continente americano no ranking, 34.114.

O CERA reflicte así o peso porcentual que teñen os residentes no exterior á hora de decidir sobre o futuro Goberno autonómico, un feito que avala unha ollada ao histórico de eleccións celebradas na comunidade. Non en balde, cando Manuel Fraga perdeu en 2005 a maioría absoluta, fiou á emigración a posibilidade de subir ata o escano 38.

O foco estivo entón na provincia de Pontevedra, pero o reconto do voto exterior certificou a fin da era de Fraga á fronte da Xunta. Catro anos máis tarde, en marzo de 2009, o seu sucesor, Alberto Núñez Feijóo, logrou sumar 39 dos 75 escanos da Cámara autonómica na noite electoral. Posteriormente, o voto emigrante rebaixaría a súa maioría absoluta a 38 actas, ao gañar o PSOE uno por Ourense en detrimento do PPdeG.

Ao agora líder nacional do PP, en cambio, nas autonómicas de xullo de 2020, as últimas ás que se presentou en Galicia, o apoio dos emigrantes permitiulle o seu máis ampla maioría absoluta ao chegar ás 42 actas no hemiciclo galego (o reconto do sufraxio na diáspora inclinou esta vez a balanza ao seu favor ao arrebatar un escano ao PSdeG en Pontevedra, que sumou o PPdeG).

VOTO POR CORREO

De todos os potenciais votantes, case 59.000 emitiron xa o seu voto por correo, o que supón un 37 % máis que nos comicios de 2016 e unha caída do 20 % en comparación cos datos de 2020, unhas eleccións con marca histórica de sufraxios a distancia nuns comicios marcados pola pandemia.

En total, ata o peche do prazo na noite do pasado xoves, foron admitidos 58.903 votos, é dicir, o 93,72 % das 62.831 solicitudes cursadas. Comparativamente, o voto por correo cae un 20 % respecto das eleccións autonómicas, marcadas pola súa celebración no verán de 2020, durante os primeiros meses da pandemia de covid-19 e nas que se alcanzou un teito histórico con 73.595 sufraxios.

Con todo, o número de voto por correo si sobe en comparación coas galegas de 2016, nas que se aceptaron 43.002 sufraxios, un 36,97 % menos que para a cita deste domingo. Por provincias, A Coruña foi na que máis votos se aceptaron (22.725), seguida de Pontevedra (18.980), Lugo (8.758) e Ourense (8.440).

Varias persoas exercen o seu dereito a voto na mesa electoral do local parroquial de Recelle
Varias persoas exercen o seu dereito a voto na mesa electoral do local parroquial de Recelle | Fonte: Carlos Castro

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta