Sabes cales son os principais residuos de praias tan coñecidas como Covas, Riazor, Orzán ou Rodas?

O 'Informe Macrolixos das costas españolas', elaborado polo proxecto 'A España Azul' en decembro de 2023, encabezado polo naturalista e explorador Nacho Dean, documenta o estado de tres ecosistemas galegos pondo o foco na contaminación por plásticos.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 13/03/2024 | Actualizada ás 21:05

Comparte esta noticia

As praias galegas están cheas de residuos máis aló dos pélets ou microplásticos. Cheas de lixo mariño entre o que está o plástico, en gran cantidade, en forma de bolsas e envases, principalmente, pero tamén o cartón e o papel das cabichas dos pitillos. Semella que a práctica de fumar na praia é moi habitual nos areais galegos, onde os fumadores non son conscientes da elevada contaminación que estes residuos supoñen. O 'Informe Macrolixos das costas españolas', elaborado polo proxecto 'La España Azul' en decembro de 2023, encabezado polo naturalista e explorador Nacho Dean, documenta o estado de tres ecosistemas galegos pondo o foco na contaminación por plásticos. Dende Galicia Confidencial recollemos os datos da súa experiencia de limpeza nas praias de Covas (Viveiro), Rodas (Íllas Cíes) e Riazor e Orzán (A Coruña).

Praia de Rodas, nas Illas Cíes
Praia de Rodas, nas Illas Cíes | Fonte: EUROPA PRESS - Arquivo

PRAIA DE COVAS, EN VIVEIRO: 261 CABICHAS E 148 BOLSAS DE PLÁSTICO

A praia de Covas trátase dunha praia de area branca e de ecosistema dunar situada no centro urbán de Viveiro. É de oleaxe tranquila e ten forma de cuncha, o que a fai ser unha das máis concurridas do territorio galego. O 25 de novembro de 2022 estiveron 160 voluntarios facendo unha exhaustiva recollida nela, con 1.500 metros mostreados e 45,4 quilos de lixo mariño recollidos. Entre ese lixo (728 ítems recolleitos) predominan os plásticos, que teñen o seu máximo expoñente nas bolsas e sacos de plástico (en concreto, as bolsas supuxeron o 15,11 % do 44,09 % dos plásticos recollidos); seguidos polos residuos de papel e cartón, todos eles materializados en forma de cabichas de cigarros (35,85 %). Tamén atoparon un 4,53 % de residuos hixiénicos; un 3,85 % de metal; un 3,3 % de lixos de especial estudo; un 1,65 % de madeira; e un 1,1 % de vidro. Tamén resulta relevante destacar que o único tipo de lixo que non se atopou na praia foron os residuos médicos. 

En números, acháronse na praia de Covas 261 cabichas; 148 bolsas e sacos de plástico; 58 botellas de bebidas; 56 marañas de redes, cabos e sedais; 32 bastonciños das orellas; e 31 tapas, tapóns ou anillas. Como principais fontes de contaminación foron catalogados o turismo masivo e a falta de concienciación sobre colillas e plásticos dun só uso. Dende as asociacións piden instalar puntos de recollida de residuos na praia, fomentar as limpezas de praias, realizar campañas de concienciación sobre o impacto das cabichas, promover campañas de educación e sensibilización ambiental e fomentar o turismo e o consumo sostibles.

PRAIA DE RODAS, NAS ILLAS CÍES: 245 CABOS E CORDAS E 227 TAPAS E TAPÓNS

Praias Orzán e Riazor, a 8 de abril de 2022, na Coruña
Praias Orzán e Riazor, a 8 de abril de 2022, na Coruña | Fonte: Álvaro Ballesteros - Arquivo

A praia de Rodas, situada nas Illas Cíes e nomeada como a máis bonita do mundo no ano 2007, sendo a máis visitada de Galicia, realizouse unha limpeza con 42 voluntarios o 17 de decembro de 2022, na que se mostrearon 600 metros de areal e se recolleron 30,62 quilos de residuos. O acceso a esta praia, hai que lembrar, está limitado a un número máximo de visitantes, debido a que este paraíso de augas cristalinas atópase no Parque Nacional das Illas Atlánticas. Pese a todo, non por estar nun espazo protexido conta con menos contaminación, pois ao final os limpadores recolleron 3.003 ítems de lixo mariño, un 57,28 % deles fragmentos plásticos de diversos tamaños e de poliestireno. Do 42,72 % restante, a categoría máis recollida foi o plástico, nun 74,51 %. Entre os plásticos, destaca a alta presenza de cabos, cordas e cordeis, tapas, tapóns e anillas, sendo respectivamente, o 25,63 % e o 23,74 %. Tamén hai que mencionar que é a única praia na que se atoparon palas de bateas usadas no cultivo de mexillóns. 

En segundo lugar, atópanse residuos hixiénicos, que representan un 15,59 % dos residuos. A eles síguenlles o papel e o cartón (5,38 %), a madeira (1,71 %), o metal (1,17 %), os lixos de especial estudo (0,78 %), os residuos médicos (0,16 %) e o vidro (0,08 %). En números, acháronse na praia de Rodas 245 cabos, cordas e cordeis; 227 tapas, tapóns e anillas; 178 bastonciños de orellas; 116 obxectos de acuicultura; 90 bolsas e sacos de plástico; e 79 envases de comida. Así, os voluntarios determinaron que as principais fontes de contaminación foron a falta de concienciación sobre o impacto dos residuos e os residuos procedentes da industria pesqueira e do marisqueo. Entre as solucións, consideran preciso instalar máis puntos de recollida de residuos na praia, o fomento das limpezas de praias, as campañas de educación e sensibilización ambiental, a mellora da regulación pesqueira e do marisqueo, a produción de materiais de pesca e acuicultura máis sostibles e o fomento do turismo e o consumo sostibles.

PRAIAS DE RIAZOR E ORZÁN, NA CORUÑA: 907 CABICHAS E 102 ENVASES

As praias continuas de Riazor e Orzán, integradas no casco urbano da Coruña, e un dos puntos de relax favoritos dos coruñeses e dos surfistas pola súa elevada oleaxe, foron limpadas o 18 de decembro de 2022 por 40 voluntarios, que peitearon 1.300 metros de areal, recollendo ao seu paso 33,66 quilos de residuos. Do total de 1.700 ítems de lixo mariño atopados, o 4,71 % son fragmentos plásticos e metálitos. Do restante, a categoría máis recollida foi o papel e o cartón, representando un 61,73 % do total, sendo o 90,7 % deste papel e cartón materializado en forma de cabichas. En segundo lugar, atópanse os residuos plásticos, que representan o 19,94 % dos residuos, sendo os envases de comida o tipo de plástico máis abundante (un 25,31 % dos plásticos). Seguiríanlle os residuos hixiénicos (7,59 %), os metais  (4,07 %), o lixo de especial estudo (1,54 %), o vidro (0,93 %) e os residuos médicos (0,62 %). E hai que salientar que non se atoparon madeiras.

En números, acháronse nas praias de Riazor e Orzán 907 cabichas, 102 envases de comida, 75 toallitas húmidas e 75 cabos, cordas e cordeis. Os voluntarios concluíron que a principal fonte de contaminación dos areais foi a falta de concienciación sobre o impacto dos residuos, especialmente sobre as cabichas. Como solucións, propoñen instalar puntos de recollida de residuos na praia, sobre todo, cinceiros públicos; fomentar as limpezas de praias; preparar campañas de concienciación sobre o impacto das cabichas; fomentar o turismo e o consumo sostibles; realizar campañas de educación e sensibilización ambiental; e declarar a praia como 'Espazo sen fume'.

Limpeza de cabichas nas Cíez
Limpeza de cabichas nas Cíez | Fonte: Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta