Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/02/2024 | Actualizada ás 19:20
Galicia rexistrou un total de 56.500 avisos por presenza de niños de avespa velutina, de forma que se dispararon un 40% en comparación con 2022. Ante esta situación, a Xunta prepara medidas de choque que pasan por un trampeo xeolocalizado en toda a comunidade, así como reforzo da formación e investigación. O Consello da Xunta deu luz verde este xoves a estas medidas previstas para 2024 co obxectivo de frear a expansión desta especie invasora que non deixa de crecer en Galicia.
O trampeo selectivo deste ano tomará como referencia os niños de 2023. Estará xeolocalizado para poder estudar a evolución cos datos recolleitos na aplicación Controlvelutina. Centrarase na captura de raíñas que saen desde comezos de primavera en busca de alimento para construír os niños. Ademais, adiantarase a retirada de niños primarios de pequenos tamaño.
Paralelamente, renóvase a encomenda á empresa pública Seaga por quinto ano consecutivo para a retirada de niños. Como novidade, este ano os 313 municipios galegos están adheridos, fronte aos 285 cos que se comezou en 2020.
O operativo de Seaga retirou ou neutralizou en 2023 un total de 29.500 niños de velutina. A distribución por provincias foi o seguinte: A Coruña (12.294 niños), seguida de Pontevedra (8.800), Lugo (4.638) e Ourense (3.707.
SECTORES INDUSTRIAIS ESTRATÉXICOS
Por outra banda, o Consello da Xunta acordou a declaración de seis sectores industriais como estratéxicos para iniciar a elaboración dos seus plans directores: industria metalmecánica, automoción, construción naval, sector forestal-madeira, industria do TIC e loxística industrial.
Estes plans buscarán o desenvolvemento da actividade industrial coa definición de medidas necesarias. Na elaboración participarán as consellerías competentes, sector privado e representantes de traballadores. Tras a declaración, levará a cabo unha consulta pública na que calquera persoa ou entidade poderá presentar achegas.
Noutra orde de cousas, a Xunta informa de que destinou un total de 3,7 millóns na convocatoria de 2023 ao fomento da utilización de instalacións e equipos en común en réxime asociativo no agro galego.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.