Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/02/2024 | Actualizada ás 20:10
O Parlamento de Galicia inaugurou este xoves, no café Moderno Afundación de Pontevedra, a exposición 'A Nosa Arte', conformada por unha antoloxía de 33 obras da colección artística da Cámara autonómica.
No acto inaugural, o titular do Lexislativo galego, Miguel Santalices, lembrou que a colección de arte do Parlamento está integrada por máis de 300 pezas, a maioría en propiedade, aínda que tamén conta con obras cedidas, que "pertencen á totalidade das galegas e galegos". Citou, como exemplo, o cadro 'Viento y Cuerda', exposto en Pontevedra e doado recentemente ao Parlamento polo pintor Rafael Úbeda, que asistiu ao acto inaugural, e para quen Santalices tivo palabras de agradecemento.
Para Santalices, esta mostra constitúe unha visita obrigada, por moitas razóns, como o "talento innato desta cidade e polo feito de que nela teña a súa sede a única Facultade de Belas Artes de Galicia e do Noroeste de España". "Unha Facultade que, a pesar da súa relativa mocidade, foi capaz de consolidarse entre as mellores, coa excelencia como obxectivo permanente", lembrou.
O presidente da Cámara dixo que a Galicia contemporánea, que "creceu e se consolidou coa democracia e coa Autonomía, crece cada día desde unha óptica integradora, de man tendida a todas as sensibilidades, fuxindo de calquera tentación excluínte". A xuízo do presidente do Parlamento, a Galicia actual "consente os seus propios sinais de identidade", algo que a converte en "unha Comunidade con personalidade propia, pero sempre compatible coa condición de españois e europeos de pleno dereito, sen perder de vista os lazos fraternais" que unen a Galicia "coas terras alén mar".
ABRIR AS INSTITUCIÓNS
Santalices explicou que, así como as deputadas e deputados desenvolven parte do seu traballo nas circunscricións electorais polas que resultaron elixidos, "tamén a institución parlamentaria está obrigada a buscar o contacto coa xente". Así, mostrouse convencido de que "as institucións estáticas, inmóbiles e pechadas son cousa do pasado".
Nesta filosofía enmarcou a organización desta exposición itinerante, a primeira destas características integrada en exclusiva por pezas da Cámara. Xa se mostrou en Vigo, Ferrol, Ourense e Lugo. Despois de Pontevedra visitará A Coruña, seguindo unha rotación trimestral.
A exposición inaugurada en Pontevedra poderá visitarse ata o 25 de maio no Café Moderno Afundación (Praza de San Xosé, 3) entre as 17,30 a 20,30 horas, de luns a sábado. Os sábados o horario amplíase ao tramo comprendido entre as 11,00 e as 14,00 horas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.