Por Galicia Confidencial | Compostela | 04/03/2024 | Actualizada ás 11:46
A ONGD galega Agareso denuncia que os centros de ensino non son lugares "seguros" para as persoas do colectivo LGBT, a partir dos resultados dun estudo realizado pola investigadora especializada Estrella Ramil coas respostas que ofreceron 503 alumnos/as de 7 IES galegos e 74 docentes de 29 centros a unha enquisa on-line e con tres grupos focais nos que participaron 14 integrantes da Rede Educativa de Apoio LGBTIQ+ de Galicia; da Asociación de familias de menores e mocidade trans de Galicia, Arelas; e de Avante LGBTI+ Galiza.
A autora do estudo advirte que "aínda que a poboación LGBT cada vez está a ser máis visible e máis aceptada", tamén nos centros educativos, "grazas ao avance nas axendas de dereitos humanos e diversidade", a sociedade debe ser consciente de que o alumnado "segue enfrontándose a múltiples situacións de LGBTfobia ou bullying LGBT nos centros educativos de Galicia". Estas agresións proceden, segundo indica o estudo, "tanto do alumnado como do profesorado" e é especialmente preocupante entre os homes cis heterosexuais.
O estudo pon números á presenza da diversidade LGBTIQ+ na comunidade educativa. Un 23% do profesorado e un 28% do alumnado participante declara formar parte do colectivo. Entre o alumnado, existe unha enorme variación entre centros, cun 9% no centro menos diverso e un 55%, no máis diverso. Un 4,58% do alumnado asume a súa identidade de xénero como trans, ao non identificarse co xénero que lle foi asignado ao nacer; un 19% ten unha orientación sexual non normativa; e un 9% son persoas que están en proceso de definirse ou que, por presión social heteronormativa, teñen dificultades para definir a súa orientación. No caso do corpo docente, cómpre destacar que só un 20% son homes cishetero, sendo que a maior parte do profesorado son mulleres cishetero.
Sen embargo, esta diversidade que se expresa nunha enquisa anónima non é visible no día a día dos centros de ensino, nin entre o alumnado nin entre o profesorado, onde máis da metade (54%) mantén a súa identidade ou orientación sexual en segredo. De feito, só un 36% do alumnado afirma sentirse libre á hora de expresarse sobre temas relacionados a orientación sexual ou identidade de xénero nas aulas. Isto é así, explica Estrella Ramil, "por medo ás ameazas, ao trato diferencial ou ao acoso, toda vez que os centros educativos non son espazos seguros para as persoas do colectivo LGBT".
AGRESIÓNS
O 81% do alumnado que declara pertencer ao colectivo LGBT sufriu algunha agresión e o 69% do profesorado presenciou algunha vez agresións contra poboación LGBT. Estas agresións, con frecuencia "bromas" ou "insultos", son cometidas tanto por alumnado como por profesorado, mulleres e homes, aínda que os mozos cishetero son, con diferencia, os que máis rexeitamento mostran ante a diversidade LGBT, o que, indica Ramil, "supón un indicador claro da necesidade urxente de traballar sobre as masculinidades hexemónicas, sobre os privilexios e a responsabilidade dos mozos ante as desigualdades".
O 17% do alumnado cishetero que participou na enquisa recoñece que non só ten presenciado, senón que mesmo ten participado destas agresións, "nun contexto de broma". Tamén o profesorado participa nestas "bromas", que o alumnado LGBT máis concienciado considera "unha forma sutil de xustificar a violencia" e que dende o activismo se ten definido como "un medio a través do cal a violencia pode naturalizarse e perpetuarse".
Ademais das bromas e insultos, que reciben con frecuencia todas as persoas do colectivo, tanto o alumnado como o profesorado recoñece ter presenciado situacións de illamento sufridas, principalmente, polo alumnado trans. E, aínda que a maioría do alumnado di aceptar as persoas trans, o 33% dos rapaces cishetero recoñecen non aceptar as persoas trans. Ademais, quedan sobradamente demostradas as reticencias de alumnado e profesorado no uso dos nomes sentidos ou os pronomes axeitados, así como da linguaxe inclusiva e do xénero neutro, que moitas veces é usado como unha burla, tanto por parte do alumnado como do profesorado.
O 56% do profesorado, a pesar de recoñecer a existencia destas situacións, considera que os institutos son espazos seguros, grazas á intervención das e dos docentes. Sen embargo, só un 19% do alumnado participante está dacordo con esta observación. E, tanto entre docentes como entre o alumnado, só un 8% considera que é a propia rapazada a que intercede cando se producen estas situacións.
CIFRAS "PREOCUPANTES"
"As cifras sobre as reaccións do alumnado fronte as agresións son moi preocupantes", recoñece Estrella Ramil. E abunda: tan só un 46% defendería as/es/os compañeiros, mentres que un 30% non faría nada, un 19% non sabería que facer e un 5% recoñece que se uniría ás agresións. "Isto significa", explica Ramil, "que unha persoa que está sendo acosada só estaría segura onde algúns dos seus pares a protexera e, polo tanto, habería moitos espazos ou momentos en que estaría moi vulnerable". E. isto ten como consecuencia que o alumnado LGBT ocupa os espazos nos que se sente a salvo, como as bibliotecas, unha situación que ao mesmo tempo provoca illamento. Outros espazos como os patios, os baños ou os vestiarios son claramente segregadores e inseguros. Inclúense tamén as aulas cando non está o profesorado.
O CALDO DE CULTIVO SOCIAL
As ideas que reflicte o alumnado galego parten dun imaxinario social compartido, tanto polas comunidades educativas dos centros como polas familias, os medios de comunicación e as redes sociais. Os prexuízos e estereotipos sobre a poboación LGBT baséanse nos imaxinarios dunha sociedade que está lonxe de ser igualitaria, así: as persoas trans son máis proclives a ser vistas como enfermas ou infelices; as bisexuais como promiscuas e case un 40% do alumnado non aceptaría unha persoa bisexual como parella; as homosexuais as máis caprichosas e egoístas. Por contra, as persoas brancas heterosexuais son tidas como as máis violentas e conflitivas, as menos enfermas e as máis felices.
O IMPACTO DAS REDES SOCIAIS
Tanto o alumnado como o profesorado considera que a principal canle pola que o alumnado recibe información sobre estas temáticas son as redes sociais. Neste sentido, o estudo certifica a desaparición entre a mocidade de medios de comunicación tradicionais como a radio e da prensa escrita, tal e como xa viña advertindo Agareso en estudos previos. E evidencia que as redes que xa se viñan percibindo como máis feminizadas en estudos previos (TikTok e Instagram) son tamén as máis empregadas polo alumando LGBT.
Youtube a canle máis empregada polos rapaces e polas persoas que presentan dúbidas a respecto da súa identidade ou orientación, mentres entre no caso do colectivo LGBT cae ao 3º posto e no das rapazas, ao 4º. En canto ao consumo de contidos temáticos, ver series e películas é unha actividade máis feminizada e compartida polo colectivo LGBT, mentres que a televisión, os videoxogos e os eventos deportivos están fortemente masculinizados, así como as canles relacionadas con eles (Discord e Twitch).
Estas diferencias mantéñense, tamén, no uso que a rapazada fai destas redes. Así, observamos que a porcentaxe de alumnado que nunca se interesou por buscar información sobre temáticas sociais na rede é sensiblemente superior á media entre os homes cis hetero (54% sobre 45%) e sensiblemente inferior entre as persoas do colectivo LGBT (28% sobre 45%). O medio ambiente e o cambio climático é o tema que máis alumnado buscou na rede, un 44% do total (e un 36% dos homes).
O 74% do alumnado recoñece que nunca bloqueou ou denunciou contidos racistas, lgbtfóbicos ou machistas nas redes sociais. De novo, a resposta do colectivo LGBT presenta amplas diferencias con respecto ao resto de grupos e, moi especialmente, con respecto á ofrecida polos homes cis hetero. Isto é así con respecto a todas as temáticas plantexadas e non só con respecto á diversidade LGBT (na que, en efecto, a porcentaxe de persoas reactivas duplica o do conxunto da mostra). Así, o 79% das persoas do colectivo LGBT di ter bloqueado contido machista (fronte ao 16% do conxunto da mostra) e o 40% contido racista (fronte ao 22% do total).
Ramil conclúe que é "urxente e imperativo, ante a crecente onda de forzas ultraconservadoras que ameazan os logros conseguidos ata aquí", que os centros educativos galegos rompan co modelo hexemónico cisheteronormativo, tanto nos plans de estudos como na configuración dos espazos, na formación do corpo docente e na tolerancia cero ante bromas ou situacións de bullying lgbtfóbico".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.