Activistas de Ecoloxistas en Acción declaran nos xulgados por levar "auga contaminada" á sede da Cámara Oficial Mineira

Seis activistas prestaron declaración tras unha denuncia pola protesta neste organismo. Fixérono negando "coaccións" e reprochando ao organismo unha "actitude negacionista".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/03/2024 | Actualizada ás 14:02

Comparte esta noticia

Activistas de Ecoloxistas en Acción prestaron declaración nos xulgados da Coruña pola denuncia presentada tras unha protesta que protagonizaron, en setembro do ano pasado, na Cámara Oficial Mineira para denunciar contaminación procedente da mina de San Finx, en Touro. Fixérono negando "coaccións" e reprochando ao organismo unha "actitude negacionista".

A organización negou no seu momento que se producise un "asalto" ao citado organismo despois de que levasen á sede da Cámara Mineira varias botellas con auga contaminada, segundo expuxeron, procedente da citada mina. En declaracións aos medios, Xoán Evans, de Ecoloxistas en Acción, rexeitou este martes os argumentos da Cámara. "Están a tentar utilizar esta acción como unha demanda contra a participación pública, tentan intimidar a movementos sociais e grupos ecoloxistas", argumentou Evans quen negou que houbese un "asalto violento" ou "coaccións".

Tamén expuxo que son seis as persoas denunciadas, que prestaron declaración no proceso xudicial, por, insistiu, "unha entrega simbólica de botellas de auga contaminada". Iso, engadiu, despois de que a Cámara "dixese que era inocua", sinalou sobre os efectos que, segundo os ecoloxistas, provoca a mina de Finx. "Defendemos o dereito á protesta e o noso deber é denunciar ilegalidades", apostilou.

Por outra banda, considerou "negacionista" a postura da Cámara Mineira sobre unha "contaminación por metais pesados" por parte da mina, a cuxos responsables Augas de Galicia sancionou con 180.000 euros por verteduras ilegais. "A Xunta debería reflexionar sobre o apoio deste organismo", indicou antes de que representantes de Ecoloxistas en Acción secundasen tamén unha concentración ante os Novos Xulgados.

Protesta de ecoloxistas ante os xulgados pola declaración de activistas denunciados pola Cámara mineira
Protesta de ecoloxistas ante os xulgados pola declaración de activistas denunciados pola Cámara mineira | Fonte: Ecoloxistas en Acción

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta