Temas: FRASEOLOXíA

“Tirar a barriga de mal ano”, un dos fraseoloxismos galegos correspondentes ó castelán “sacar el vientre de mal año”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 10/03/2024 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Para dar conta dunha situación en que unha persoa toma unha boa farta de comida despois de pasar unha temporada de carencia dela ou de fame, así como tamén, por extensión deste significado primixenio, para indicar que alguén compensa ou se desquita ben ás cheas dunha privación anterior, en castelán recórrese moitas veces ós fraseoloxismos sacar el vientre de mal año, sacar la barriga de mal año ou sacar la tripa de mal año.

Barriga ou bandullo cheo
Barriga ou bandullo cheo | Fonte: (iStock)EC

Vexamos que correspondencias temos en galego, que nesta ocasión son, en xeral, basicamente análogas ás de castelán.

Sacar el vientre de mal año

Sacar la barriga de mal año

Sacar la tripa de mal año

{= 1. Tomar alguén unha boa farta de comida despois de pasar unha tempada de fame ou carencia. 2. Por extensión, compensar ou desquitarse ben ás cheas dunha privación anterior.}

Tirar a barriga de mal ano

Sacar a barriga de mal ano

Sacar a tripa de mal ano

Sacar a barriga da miseria

[E MAIS]:

Quitar o dente da fame

Ex. (acepc. 1): Eran tiempos de penuria, pero aquel día los caciques de la comarca tiraron la casa por la ventana e invitaron a las gentes de la redonda, quienes sacaron el vientre de mal año, a una comilona para la que, entre otras cosas, sacrificaron más de una docena de becerros y cerdos.

Eran tempos de penuria, pero aquel día os caciques da bisbarra gastaron a rego cheo e convidaron as xentes da volta, que tiraron a barriga de mal ano que sacaron a barriga de mal ano que sacaron a tripa de mal ano que sacaron a barriga da miseria que quitaron o dente da fame, a unha enchente para a que, entre outras cousas, sacrificaron máis dunha ducia de cuchos e cochos.

Ex. (acepc. 2): —¡Menudo animal el Nito, que no hace ni una hora que ha llegado a la taberna y ya se tomado cinco cubatas! —Es que está sacando la barriga de mal año el tío después de cinco meses de marea sin probar gota de alcohol, que en ese barco el tema de la bebida lo llevan muy a rajatabla.

—¡Vaites animal o Nito, que non hai nin unha hora que chegou á taberna e xa lle mandou cinco cacharros! —É que está a tirar/sacar a barriga de mal ano a sacar a tripa de mal ano a sacar a barriga da miseria a quitar o dente da fame despois de cinco meses de marea sen probar pinga de alcol, que nese barco o tema da bebida lévancho moito á liña.

● Tamén:

Tirar o ventre da miseria && Tirar o ventre de miserias

● Tamén, para a segunda acepción, e como opción non fraseolóxica:

Desquitarse

NOTAS:

1. En relación cos fraseoloxismos tirar a barriga de mal ano e sacar a tripa de mal ano, obsérvense, por exemplo, as seguintes paremias, recadadas por Francisco Vázquez Saco:

Pobre á festa convidado tira a barriga de mal ano

Pobre á festa convidado saca a tripa de mal ano

2. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes, ou inspiradas nelas:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- García Represas, Delio: Estudio na fala de Xinzo, Ponteareas. Contribución á lingüística descriptiva do galego. Tese de licenciatura, 1996. Universidade de Santiago de Compostela.

- Groba Bouza, Fernando: “Nas uñas, nas mans ou nos pés has saír a quen es”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 16, 2014, páxs. 357-437. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Vázquez Saco, Francisco: Refraneiro galego e outros materiais de tradición oral. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 5, 2003. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta