Por Amanda Fernández | Lugo | 22/03/2024 | Actualizada ás 21:22
O Galicia Confidencial continúa por Lugo nesta reportaxe da serie adicada aos murais, xa que hai máis artistas e obras que destacar, despois de coñecer a Diego As e a Yoe33. Presentamos nesta entrega murais cheos de cor, en barrios da cidade amurallada e de muralistas que xogan na casa, Noemí Núñez, Pía Piadosa e Rubén Paz. Que segredos agochan as súas obras? Teñen estes murais valor sentimental? Seguimos de ruta... por Lugo!
"O PEQUENO GARDIÁN OCULTO" DE NOEMÍ NÚÑEZ E PÍA PIADOSA
Noemí Núñez e Pía Piadosa uníronse para realizar un mural cheo de cores na rúa Eduardo Pondal. Xa non era a primeira vez que estas artistas traballaban xuntas, xa que a idea de facer este mural titulado O buraco do Verme. Xorde co fin de dar continuidade a outra intervención dun mural que fixeron "de carácter galáctico" chamado Visitantes, que representa unhas personaxes "chegadas dos espazo exterior". Ambas recoñecen que realizar O buraco do Verme foi doado porque xa se coñecían de antes, pero tamén complicado xa polas condicións metereolóxicas que fixo na semana na que o pintaron. "Todo estaba en contra, pero a orientación da fachada estaba ao noso favor e conseguimos pintar baixo a auga", contan.
Como curiosidade oculto deste mural que chama a atención polas súas cores, destacan "o pequeno gardián" que fixeron unha mañá de choiva na que "era imposible pintar". Lembran: "Fomos a un bar do barrio e entre as dúas modelamos unha figura que está ubicada nun oco da parte alta da fachada". Un detalle que desde abaixo pode pasar desapercibido e que vén sendo "un pequeno tótem gardián, nunha ventaniña que pedía un novo habitante". E que significado ten o mural? Tanto Noemí como Pía prefiren que a xente interprete este mural no seu imaxinario.
Noemí Núñez é unha artista lucense á que lle gusta traballar a pintura de forma procesual. "Confío no acto creativo, un proceso que abordo desde a intuición, a experimentación e a busca. O que máis me gusta e ser espectador e observador do que sucede no lenzo, da evolución e da transformación da imaxe desde a que a imaxino na miña mente ata a súa forma inicial. É un xogo de capas, mutacións e máscaras", confesa. Este mural foi realizado de xeito conxunto con Pía Piadosa, que atravesou o Atlántico desde Panamá ata Lugo, e expón que traballa con "cores vivas" que trouxo "do trópico para dar calor ao inverno". A artista recoñece que nun mundo saturado de imaxes e información, "hai moito por decir dentro do que xa está dito".
O ARTISTA DA NATUREZA, RUBÉN PAZ
"Traballo o realismo e gústame representar a natureza porque me permite variar moito en estilo, cores, texturas, teño liberdade para xogar", confesa Rubén Paz, o artista lucense que deixou pegada na cidade. A súa obra é recoñecible baixo o seudónimo do colectivo Trece Trazos, firma que se atopa en murais de distintos colexios da zona. Na ruta que propoñemos, fixemos parada no barrio de A Cheda onde realizou a iniciativa #EuSonDaCheda con ata sete murais. "Definen o meu estilo e traballo, centrado no abstracto, na natureza ou nas miradas de xente", comenta Rubén.
Porén, a súa obra máis coñecida e recoñecida pola plataforma internacional Street Art Cities foi o Quixote do IES Cervantes. "Estiven nominado a mellor mural do mundo o ano pasado por este mural, que tivo bastante trascendencia a nivel de redes sociais", conta. Trátase dun retrato do Quixote, que está nunha posta de sol cos molinos de fondo, e destaca a presenza de Sancho Panza "como na penumbra". Non foi casualidade que fose Rubén e este colexio en concreto: "Eu estudei nese colexio e foi por eles para deixarlles un detalle que os represente".
O artista destaca que o Quixote non "é unha figura á que se lle fixeran moitos retratos" e que neste caso está ligado á historia do colexio Cervantes e que por iso ten un vínculo persoal con esta obra. Aquí chega o dato máis abraiante, só lle levou "sete horas" realizalo e porque lle quedaba ao lado da casa onde viviu e o "tomou con calma". En "dúas tardes" fixo este mural que hoxe admiran os que por aló pasan.
Así, Rubén Paz tanto pode representar flores, xoaniñas ou curuxas, como ao Quixote. "Para mín a obra do barrio de A Cheda é máis representativo do que eu son, aínda que non tivera a trascendencia do Quixote", confesa e destaca que o feito de que sexa un mural duns 20 metros nunha casa resulta "máis impactante, sobre todo nas redes sociais". Engade que pode ser que a xente ao ver algo dun tamaño normal, lle resulte "máis accesible" e non xere a mesma sensación.
Despois desta serie de reportaxes, queda claro que Lugo ten unha oferta do máis variada no que a murais se refire: Unha castrexa, un emperador romano, murais cheos de cores, un Quixote, e moito máis... O Galicia Confidencial continúa a súa ruta e viaxa ata outra cidade galega, coa que Lugo, digamos, non conecta moi ben nin por carretera nin en autobús nin tren... Sabes cal é?
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.