Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/03/2024 | Actualizada ás 15:30
O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) dará conta dos resultados do proxecto 'Palcos. Cultura material e festa na paixagem rururbana galega' este sábado nunha xornada aberta ao público en Vedra, unha investigación que, polo momento, conta con 200 palcos de música catalogados construídos entre 1970-2000 por todo o territorio galego. A investigación, que se iniciou en xullo e está financiada pola Axencia Galega de Innovación, tiña como obxectivo mapear, catalogar e documentar os palcos de forma colaborativa, os cales están dispoñibles para consulta do público xeral a través dunha plataforma web.
"Concíbese como unha xornada de traballo na que, ademais de presentar os resultados da primeira fase do proxecto, haberá espazo para a reflexión e o goce, con senllas mesas redondas e as actuacións musicais de Sheila Patricia e o Quinteto da Escola de Música de Santa Cruz de Ribadulla", avanzou nun comunicado o antropólogo que lidera a iniciativa, Íñigo Sánchez Fuarros. A xornada, que leva por título '(Re) pensar a festa: novas e vellas formas de facer festa', será no Centro de Emprendemento 'A Estación'. Con entrada libre, diríxese a axentes, entidades e persoal de investigación vinculado ao mundo das festas parroquiais en Galicia.
Pola mañá, de 10.30 a 14.00 horas, a xornada articularase como un espazo participativo, por invitación e con prazas limitadas, para que diferentes colectivos traballen directamente con persoas conectadas co mundo da festa en Galicia. Tamén se presentará o proxecto e os asistentes debaterán sobre os temas de estudo. Pola tarde, o público xeral poderá asistir a dúas mesas redondas e á foliada que se prevé para as 19.00 horas.
FASES DO PROXECTO
'Palcos' xa pasou a súa primeira fase de documentación e catalogación mediante a axuda cidadá e inicia agora en marzo unha segunda fase para profundar unha selección de estudos de caso co fin de analizar as dinámicas de cambio e permanencia nas condicións materiais que fan posible a festa. Por último, en marzo de 2025 desenvolverase unha fase colaborativa con 'Xeito | Laboratorio de creación etnográfica' cunha dimensión aplicada que se traducirá na exposición final e na activación dalgún dos palcos en desuso.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.