E refírome a esta obra porque a política galega vive momentos trascendentais que precisan da aplicación desta filosofía da «Mensaxe a García», é dicer, precisamos do compromiso e da vontade de executar a tarefa de alcanzar a unidade e a confluencia dos actores fundamentais, Marea Galega e Iniciativa pola Unión, nunha única candidatura cidadá de unidade popular.
Hai grandes expectativas ao redor desa necesidade de coincidencia e unidade para lograr un grupo parlamentario propio en Madrid. Á marxe das diferenzas que poidan existir, deixando de lado matices e pequenas discrepancias debemos poñernos de acordo os distintos actores políticos e sociais galegos para alcanzar esa candidatura unitaria que recolla as aspiracións da maioría social e aglutine a toda a esquerda e o nacionalismo nunha lista baseada na cooperación política e o ben común.
Non caben escusas. Os matices, tonalidades e gamas que tinguen de colorido a realidade galega deben xerar unha candidatura «arco da vella» moi plural e composta por xentes diversas provenientes dos movementos sociais, políticos, sindicais e culturais, chamados a seguir falando, comprendéndose e aceptándose.
A «Mensaxe a García» debe chegar ao seu destino e ese destino é alcanzar o arelado grupo parlamentario galego propio nas cortes españolas.