O mundo cada vez máis gris, estamos perdendo cor? A paleta de cores reducida aos neutros

Segundo a recente investigación realizada polo Science Museum Group do Reino Unido, que analiza a evolución de cor e forma de diferentes obxectos dunha colección.

Por Amanda Fernández | Santiago de Compostela | 16/03/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A tendencia á globalización, á creación de espazos iguais, á homoxeneidade é unha realidade da que a sociedade é consciente. Algún lembrará as cores vermellas e brillantes da fachada do McDonalds aló polos anos 90, que distan bastante da imaxe que hoxe temos destes establecemento de comida rápida. Non só nos exteriores, senón tamén nos interiores das nosas vivendas se tende á perder identidade: paredes brancas, mobles do Ikea en cores neutros,... Hai moitos exemplos que evidencian que co paso do tempo se foron perdendo moitas cores, mención especial aos coches, que son negros, grises, brancos, vermellos e como moito azuis, pero raro ver verdes ou amarelos. E que pasa coas pasarelas? A moda é cíclica e sigue tendencias, pero facer a proba é fácil, basta con ir a unha superficie comercial para ver na súa inmensa maioría prendas en tons neutros para usar no día a día.

Gráfico da evolución da cor nos obxectos da colección
Gráfico da evolución da cor nos obxectos da colección | Fonte: Science Museum Group Digital Lab

Todo estas son cuestións que se poden percibir na contona próxima, pero o Science Museum Group do Reino Unido realizou unha investigación que evidencia esta tendencia ao monocromático. O artigo analiza unha selección da Colección do Grupo Museo das Ciencias coa que examinaron máis de 7.000 fotografías de obxectos de 21 categorías, centrados nos de uso máis cotiá ou familiares. As categorías van desde a tecnoloxía fotográfica, reloxes, iluminación, escritura, electrodomésticos ou navegación. As fotografías permiten estudar a forma, color e textura dos obxectos. Entre as conclusións, ao longo destes 200 anos, os tons grises foron os predominantes, principalmente desde finais do século XIX ata o século XX e as cores amarelas e marróns descenderon durante este mesmo período.

 

 

 

Unha das mostras do estudo
Unha das mostras do estudo | Fonte: Science Museum Group Digital Lab

O ESTUDO DA COR

Entre os 7.083 obxectos analizados, a cor común foi o gris carbón escuro, que aparece en máis do 80% das fotografías e apunta a que en 1800 só o 8% dos obxectos eran grises ou negros, mentres que no 2020 xa era o 40%. Unha imaxe cun gráfico amosa a evolución das cores dos obxectos co paso do tempo. Cada obxecto asignouse a un grupo de anos (que abarca 20 anos), segundo o primeiro ano asociado co obxecto. A tendencia máis notable é o aumento do gris co tempo e a disminución da cor marrón e amarelo. Isto pode deberse probablemente a cambios nos materiais, como madeira ou plástico. Hai un exemplo ilustrado da variedade de cores que se poden atopar nun só obxecto, neste caso unha cámara de placas Century Modelo 46, que data de 1900. 

Tamén se estudou e comparou a gama cromática dun telégrafo de 1844 cun teléfono móbil iPhone 3G de 2008-2010. A amplía gama de cores do telégrafo provén en gran parte da madeira de caoba empregada na súa construción. Pero tamén da súa forma (piares redondeados reflexan a luz e crean sombras) e da idade, que provoca variacións. Pola contra, os materiais metálicos e plásticos de iPhone ofrecen moitas menos variacións, ten unha forma básica e está en mellores condicións. Se ben é certo, que xa nos úlimos anos, hai tendencia a que a parte traseira dos móbiles presenten distintas cores metalizadas ou pasteis. 

OS OBXECTOS CON MÁIS CORES DO ESTUDO

Para a maioría de obxectos do estudo, o máis colorido é a embalaxe que o rodea, máis ca o obxecto en si. Un dos máis antigos datan da década de 1920: un é un paquete de cigarrillos e o outro conta de catro cargadores H e dúas películas para unha cámara de cine Pathescope de 9,5 mm. Os xogos de ordenador tamén reflexa unha combinación de cores. 

De igual modo, ademáis da cor, tamén se estudou a forma. Os obxectos máis predominantes son todos "en forma de caixa", van desde os paquetes de cigarrillos ata televisores, e desde teléfonos móbiles a xogos de ordenador. Existen dúas excepcións interesantes á esta forma de caixa, o primeiro é o teléfono de mesa e logo os obxectos translúcidos modernos. 

CONCLUSIÓNS DO ESTUDO

Entre as conclusións, que figuran neste estudo, destaca que os obxectos analizados do ámbito cotiá perderon cor e foron sendo máis grises e máis cadrados co tempo. A cor dun obxecto estará influenciada polo entorno, como se amosa e como se fotografa. Dúas fotografías do mesmo obxecto, desde diferentes ángulos ou con diferentes fondos, poden xerar diferentes perfís de cor.

No estudo fan fincapé en que é importante recordar que os resultados amosados seguirán cambiando á medida que se engadan máis obxectos da colección. Aínda que este estudo se limita aos elementos seleccionados, unha publicación de blog de Macleod Sayer apunta e confirma a esta desaparición da cor noutros ámbitos do día a día como os mencionados anteriormente. Neste artigo, o autor pón de relevancia que o gráfico deste estudo ilustra que agora o 70% dos vehículos son negros, grises ou brancos, mentres que fai 25 anos tan só eran 40%. Tendo isto en conta, un pode facer exercicio de ver cantas cores distintas a estas percibe no día a día. Desde o Galicia Confidencial continuaremos abordando esta cuestión con fontes expertas do eido do deseño de moda, de producto e de interiores.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta