Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 12/03/2024 | Actualizada ás 14:11
O Goberno central denegou a autorización administrativa previa para a construción do parque eólico Rebordechao, situado na Serra de San Mamede, no Macizo Central (Ourense), despois de non conseguir autorización ambiental. Este proxecto, de 154 megawatts de potencia e impulsado por Desenvolvementos Renovables Iberia Beta, afectaría a unha decena de municipios ourensáns: Nogueira de Ramuín, Xunqueira de Espadanedo, Montederramo, Maceda, Vilar do Barrio, Laza, Castrelo do Val, Verín, Monterrei e Cualedro.
A resolución que a Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas publica este martes no Boletín Oficial do Estado (BOE) desestima a solicitude. Contra esta decisión cabe recurso. O texto recolle que a Dirección Xeral de Calidade declarou en 2023 a terminación do procedemento de avaliación de impacto ambiental "por non contar con elementos de xuízo suficientes para formular unha declaración de impacto ambiental". Deste xeito, procedeuse ao arquivo do expediente.
Pola súa banda, a Asociación de Empresarios, Gandeiros e Agricultores da Limia (Adegal), que presentou alegacións contra o proxecto, valorou que este "é un paso importante para evitar a destrución da Serra de San Mamede" e "do conxunto do Macizo Central", aínda que aínda se pode recorrer. Igualmente, esta asociación chama a mobilizarse e a presentar alegacións contra "moitos proxectos que ameazan a este espazo natural".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.