A 'Operación Zeta' aínda está pendente de periciais trece anos despois

"O conseguidor chamábase Pachi Lucas. Non era un amigo calquera, senón alguén inseparable do señor Feijóo durante 15 anos" declarou o ministro de Transportes, Óscar Puente.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/03/2024 | Actualizada ás 20:59

Comparte esta noticia

A 'Operación Zeta', unha investigación sobre suposto fraude en subvencións destinadas a cursos de formación que se remonta ao 2011 -- e que volve estar de actualidade despois de que o ministro de Transportes, Óscar Puente, relacionase ao presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo coa mesma -- segue aínda en fase de instrución, pendente da práctica de probas periciais e a ratificación de informes.

Así o apuntaron fontes xurídicas consultadas por Europa Press. Pola súa banda, desde o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ratificaron que "todo segue igual que ao comezo da causa porque foi arquivada á espera de recibir os informes da Intervención Xeral do Estado, que aínda non chegaron na súa totalidade".

"Como o arquivo é só á espera de recibir estes documentos, os investigados seguen tendo a mesma condición", precisaron. Isto supón que non houbese diferenzas no número de investigados, medio centenar, nin nos delitos que se lles imputan.

Desde o alto tribunal galego, apuntaron que hai dúas pezas separadas que están abertas, dentro das cales se continúan practicando dilixencias, unha delas é a referente á Confederación de Empresarios y Autónomos de España (Caype) e a outra á Fundación para o Desenvolvemento da Empregabilidade e a Formación (Fundefo).

INFORMES PERICIAIS

Na mesma liña, as fontes xurídicas consultadas por Europa Press sinalaron que hai uns días estaba fixada a declaración de dúas responsbles da Axencia Tributaria para ratificar uns informes, aínda que finalmente foi suspendido, a petición dunha das partes.

"Está en instrución á espera de práctica de probas periciais e ratificación de informes", manifestaron as fontes consultadas que prognosticaron que non haberá xuízo nin este ano nin o próximo ao non estarse aínda na fase para o auto de conclusión da investigación.

REAPERTURA EN 2020

En 2020, o Xulgado de Instrución número 6 da Coruña decretou a reapertura de actuacións dunha parte. Foi tras un sobresemento provisional das actuacións en 2018 e coa citada reapertura posterior ao recibirse un informe solicitado á Intervención Xeral do Estado onde, segundo transcendeu no seu momento, reflectíanse irregularidades na concesión e realización de actividades de formación.

En concreto, afectou á investigación vinculada con dúas dos principais investigados, o empresario coruñés Gerado Crespo e o que foi presidente da Confederación de Empresarios y Autónomos de España (Caype), Eliseo Calviño.

INVESTIGADOS

En relación a este caso, en novembro de 2014, e no marco da investigación levada a cabo, eran 30 os imputados pola suposta fraude en cursos de formación, tras unha investigación que se iniciou en decembro de 2011 e na que inicialmente se imputou a sete persoas. Entre elas, estaba o empresario coruñés Gerardo Crespo, ao que os investigadores consideraban o suposto 'xefe' da trama.

En xaneiro de 2016, o xulgado acordou citar a 25 novas persoas en calidade de investigadas. Delas, 21 foron citadas pola súa presunta participación nun delito de estafa agravada, fraude de subvencións e falsidade documental.

A elas, sumouse a citación en calidade de investigados de tres cargos públicos no momento dos feitos, dous da Xunta de Galicia e outro do Servizo Público de Emprego Estatal, como presuntos autores dun delito de prevaricación. Xunto a estes, figurou outra persoa por presunto tráfico de influencias.

E é que en relación a este caso, o ministro incidiu en que a trama "contaba cun conseguidor ou abrelatas". "O conseguidor chamábase Pachi Lucas. Non era un amigo calquera, senón alguén inseparable do señor Feijóo durante 15 anos. Coñecíano como o amigo do xefe", dixo sobre un dos investigados.

"Seguía todas as campañas, estaba en todas as noites electorais, en todos os mitins, ía aos touros co señor Feijóo e co señor Rajoy tamén, e frecuentaba a residencia oficial do presidente da Xunta, onde se di que tamén pasaba a noite", sostivo Puente sobre a etapa de Feijóo á fronte do Executivo galego.

Autobús da Garda Civil onde van os acusados polo crime de Samuel Luiz tras ser citados no xulgado / M. Dylan - Europa Press. / Europa Press
Autobús da Garda Civil onde van os acusados polo crime de Samuel Luiz tras ser citados no xulgado / M. Dylan - Europa Press. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta