Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/03/2024 | Actualizada ás 14:31
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, sinalou que a Xunta debe "cambiar de posición" e declarar zonas de mercado de aluguer tensionado en Galicia. En rolda de prensa este venres, a rexedora apuntou que "o máis lóxico" para "desbloquear ou facilitar" a aplicación desta norma sería que a administración autonómica "cambiase un pouco de posición" e decidise "declarar de forma clara" estas zonas porque, asegurou, na capital galega no últimos cinco anos os alugueres aumentaron "un 26,6%".
A próxima semana, os municipios están convocados a unha reunión coa Xunta, onde, segundo relatou Sanmartín, Santiago manterá que "o fundamental" é que a lei estatal de vivenda "non indica que teñan que ser os concellos" os que fagan "un informe previo de diagnóstico". "É a propia Xunta quen nos pide todo iso", criticou.
En todo caso, volveu a insistir en que, a pesar de que "non é un traballo que se faga dun día para outro, o Goberno local farao, pero lamentou que outras comunidades autónomas "xa o fixeron de maneira directa", o que, en opinión de Sanmartín, confirma que "pode facerse".
Nesta liña, quixo pór sobre a mesa que o Concello de Santiago ten "temor" a que a Consellería de Vivenda pida informes aos que terán que dedicar "moito tempo", pero que ao final "ese traballo importante, longo e demorado poida ser inútil".
"Aínda así, a intención do goberno de Santiago é facer os informes que nos piden. Entendemos que non son necesarios, pero pedíronos e ímolos a facer. Imos tentar axilizalo, pero ese tipo de cuestións levan o seu tempo", aseverou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.