Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 15/03/2024 | Actualizada ás 18:40
A Xunta Electoral Central ratificou a decisión da xunta galega de incoar expediente sancionador ao alcalde da cidade de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, pola colocación dun cartel de proxecto de obra do xardín de O Posío cando a súa construción aínda non estaba iniciada. Determinaban que se usou o cargo público "para facer campaña electoral e captar sufraxios para o partido político ao que pertence", Democracia Ourensana.
Na resolución a Xunta Electoral resolvía que os feitos, denunciados polo Partido Popular, tiñan "unha clara connotación electoralista", xa que o proxecto de obra anunciado era para unha construción que aínda non estaba iniciada.
O rexedor interpuxo recurso contra o acordo polo que se acordou incoar o procedemento sancionador. En concreto, o 27 de febreiro interpuxo recurso de alzada para solicitar o arquivo do expediente, ou subsidiariamente a súa tramitación acumulada a outro expediente sancionador aberto contra el mesmo, considerando que o cartel, que informaba o proxecto de rehabilitación integral do xardín de O Posío, era informativo e con carácter obxectivo, sen alusión a logros e sen natureza electoralista.
Pero a Xunta Electoral de Galicia apuntou na resolución impugnada que o cartel "non contiña información obxectiva e relevante para os servizos públicos nin para a cidadanía", ao tratarse dunha obra nin sequera iniciada. Por iso considerou que a razón última do anuncio "era influír no sentido do voto do elector, facéndolle crer que existía unha boa xestión por parte do goberno municipal", segundo recolle agora o acordo da Xunta Electoral Central.
Adicionalmente, destacaba ademais "a similitude" de cores no cartel cos que utiliza a formación política Democracia Ourensana, á que pertence o alcalde. Unido iso con que o cartel "reivindica ante a cidadanía un pretendido logro que se vai ver materializado nun futuro", o cal está prohibido polo artigo 50 da Lei Electoral.
Así pois, a JEC considera que, aínda que en período electoral non se interrompen as actuacións dos poderes públicos que resulten necesarias para o correcto desenvolvemento dos servizos públicos, o anuncio de proxecto de obra non iniciado nos termos nos que se recollen o expediente, "non pode entenderse que resulte imprescindible para a súa consecución".
Consideran que "reflicte un contido electoralista prohibido explicitamente polos apartados 2 e 3 da Loreg", insistindo en que "non se aprecia información imprescindible para o coñecemento da cidadanía", nin que poida considerarse contraria ao interese xeral que "esa difusión poida atrasarse ata a conclusión do proceso electoral".
EXPEDIENTE
Así as cousas, ao producirse ese suposto e o feito de que existen precedentes nese mesmo período electoral de actuacións análogas, levou a que a Xunta Electoral de Galicia abrise expedientes sancionador na aplicación do disposto no artigo 153.1 da LOREG, "o que se axusta plenamente ao ordenamento electoral, razón pola que o recurso debe ser desestimado", esgrimen desde a Xunta Electoral Central, que confirma o acordo da JEG.
En canto á solicitude subsidiaria de acumular este expediente sancionador aos que poida abrir ao sancionado a Xunta Electoral de Galicia, esgrimen que debe ser a citada Xunta Electoral a que resolva esa petición.
O acordo é firme en vía administrativa, pero contra el cabe a interposición de recurso contencioso administrativo ante a Sala Terceira do Tribunal Supremo no prazo de dous meses.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.