Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 24/03/2024 | Actualizada ás 12:00
No idioma castelán, naqueles casos en que alguén quere facer referencia, normalmente a xeito de crítica ou de burla, a algunha actitude ou xestión que proporciona un aforro realmente insignificante en relación coa economía ou aforro que se pretende alcanzar, é habitual man da locución (el ahorro d)el chocolate del loro.
En galego dispomos de, ó menos, unha locución que espreme ese mesmo significado: o aforro do pirixel.
(El ahorro d)El chocolate del loro
{= 1. Locución que se adoita empregar para criticar as actitudes ou xestións que proporcionan un aforro realmente insignificante en relación coa economía ou aforro que se procura alcanzar. 2. Por extensión, en tempos recentes a locución el chocolate del loro tamén pasou a ser empregada para denotar unha cantidade de diñeiro miúda en comparanza co total con que se compara ou que se manexa (tanto que esa pequena cantidade sexa para aforrar coma para gastar), e mesmo para dar conta –normalmente a xeito de crítica– dos recortes en gasto que as administracións fan máis ben para tentar dar certa imaxe de austeridade ca para sanear realmente a economía.}
PARA A ACEPCIÓN 1:
O aforro do pirixel
PARA A ACEPCIÓN 2:
O diñeiro do pirixel
Os cartos do pirixel
E MAIS TAMÉN, POSIBLEMENTE COMO OPCIÓN PRIORITARIA NAQUELES CASOS EN QUE SE ADAPTA Ó CONTEXTO:
O gasto do pirixel
Ex. (acepc. 1): Ahora la Administración autonómica anda ocupada con un plan de moderación económica mediante la reducción de un pequeño porcentaje en la nómina de sus trabajadores, pero se trata simplemente del chocolate del loro en medio de un contexto de exceso y despilfarro.
Agora a Administración autonómica anda ocupada cun plan de moderación económica mediante a redución dunha pequena porcentaxe na nómina dos seus traballadores, pero trátase simplemente do aforro do pirixel en medio dun contexto de exceso e desbaldimento.
Ex. (acepc. 2): Lo que se le dedica a este sector no es sino el chocolate del loro en el total de la inversión pública.
O que se lle dedica a este sector non é senón o gasto do pirixel ‡ non é senón o diñeiro do pirixel ‡ non son senón os cartos do pirixel no total do investimento público.
● Tamén, para a segunda acepción, como opcións non fraseolóxicas cuxa inserción no enunciado habería que adaptar en función de cada contexto:
Miudeza && Minucia && Insignificancia && Nimiedade && Pequenez
Ex. (acepc. 2): O que se lle dedica a este sector non son senón miudezas ‡ non é senón unha miudez ‡ non son senón minucias ‡ non é senón unha minucia ‡ non son senón insignificancias ‡ non é senón unha insignificancia ‡ non son senón pequeneces ‡ non é senón unha pequenez no total do investimento público.
NOTA:
As expresións e solucións galegas están tiradas das seguintes fontes, ou inspiradas nelas:
- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).
- Ferro Ruibal, Xesús: “Cadaquén fala coma quen é. Reflexións verbo da fraseoloxía enxebre”. Discurso de ingreso do profesor Ferro Ruibal na Real Academia Galega o 4 de maio de 1996.
- Real Academia Galega: Dicionario da Real Academia Galega (versión en liña).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.