Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 27/04/2025 | Actualizada ás 12:00
En castelán, naquelas ocasións en que unha persoa se pon a emitir laios ou queixas que alguén considera inxustificados, improcedentes ou esaxerados, ese alguén, para lle demostrar a súa indiferenza, ou mesmo menosprezo, ante eles, non é raro que lle diga algo así como a llorar(,) a la llorería ou a llorar(,) a la iglesia.
En galego dispomos, entre outras, dunha paremia moi coñecida que fornece esa mesma información: a chorar(,) a Cangas... alén doutros xeitos de dicir que transmiten tamén o contido, significado ou información de que estamos a falar:
A llorar(,) a la llorería
A llorar(,) a la iglesia
A llorar(,) al río
{= Expresións que se lle din a alguén que non para de se laiar ou queixar a fin de lle dar a entender –nomeadamente porque os ditos laios ou queixas se consideran inxustificados, improcedentes ou esaxerados– a indiferenza, falta de interese ou mesmo menosprezo ante eles.}
A chorar(,) a Cangas
A chorar(,) a Cangas, que pagan e mais danche unha roupa de augas
[E MAIS]:
A chorar(,) á cama, que é lugar quente
Ó chorar, todo son mocos
Ex.: ¡Tiene cojones que estos, que tradicionalmente siempre han sido los más favorecidos, se quejen ahora de los árbitros! ¡A llorar, a la llorería!
¡Tenche collóns que estes, que tradicionalmente sempre foron os máis favorecidos, se laien agora dos árbitros! ¡ A chorar(,) a Cangas ‡ A chorar(,) a Cangas, que pagan e mais danche unha roupa de augas ‡ A chorar(,) á cama, que é lugar quente ‡ Ó chorar, todo son mocos!
● Tamén:
O chorar, todo é mocos # todo son mocos && A chorar(,) á cama, que é parte quente
● E mais tamén, en contextos en que o locutor se dirixe directamente á persoa que se laiou ou queixou:
A min non me chores, que non son teu pai
● Tamén, asociadas a contextos de uso familiares e coloquiais:
A chorar(,) á casa de Cristo && A chorar(,) á casa de Deus
NOTAS:
1. A paremia galega a chorar(,) a Cangas parece que ten a súa orixe (tal e como se explica máis polo miúdo, por exemplo, nesta páxina de Orgullo Galego) no feito de que na vila de Cangas do Morrazo existían unhas carpideiras de moita sona, das máis afamadas da Galiza, que eran adoito contratadas por persoas de alto nivel económico para dar a entender que o finado ou finada era persoa de relevancia.
2. As expresións e solucións galegas están tiradas das seguintes fontes, ou inspiradas nelas:
- Recolleita propia da oralidade galega.
- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).
- Cerviño Ferrín, María Victoria: “Fraseoloxía e paremioloxía en Sebil, 2”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 15, 2013, páxs. 441-462. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Ferro Ruibal, Xesús (coord.): “Diccionario de Fraseoloxía Galega. Estado actual dos fondos e dos traballos”. Nas Actas do I Coloquio galego de Fraseoloxía (1997), páxs. 289-311. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Hermida Alonso, Anxos: “Fraseoloxía de Matamá (Vigo)”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 11, 2009, páxs. 283-304. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Ventín Durán, José Augusto: “Fraseoloxía de Moscoso e outros materiais de tradición oral”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, anexo 1, 2007.
- VV.AA.: Unha maré de palabras (Contribución ao léxico do Morrazo). Xunta de Galicia–Museo Massó, 2005.
- Zamora Mosquera, Federico: Refráns e ditos populares galegos. Ed. Galaxia, 1972, Vigo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.