Por Xurxo Salgado | Compostela | 20/03/2024 | Actualizada ás 21:40
Aínda non se fecharon as feridas das eleccións galegas e o novo voceiro parlamentario do PSdeG e futuro secretario xeral deste partido ten que facer fronte a un novo golpe político que lle chega desde o sur de Galicia. Unha nova guerra aberta que volve ter no centro a quen foi o seu antecesor no Parlamento, Gonzalo Caballero.
E é que o ex voceiro parlamentario e ex secretario xeral volve agora a soar como candidato do PSdeG para ir ao Parlamento Europeo.Un posto que agora ocupa o lalinense Nicolás "Nico" González. Así, cando menos, o apuntan distintos medios de comunicación. Uns rumores que desde a dirección socialista galega consideran infundados e, desde logo, "non difundidos" polo entorno de Besteiro.
Pero, por que volve saír o nome de Gonzalo Caballero cando aínda supuran as feridas do 18F?. A dirección socialista galega di que é el ou o seu entorno é o que o postula para este posto, mentres que outras fontes socialistas consultadas por GC apuntan que Gonzalo Caballero pode ser, novamente, un "peón" nos movementos internos dalgún dos "reinos de taifas" do socialismo galego.
Curisosamente, o seu nome sae nun momento no que Besteiro se encamiña a ser designado secretario xeral do PSdeG e ante a moi difícil tarefa de reconstruír este partido. Unha reconstrución na que ten que fiar moi fino e tentar integrar ás distintas sensibiliddes para evitar que este partido acabe afundido. "Por iso sacar a pasear o nome de Caballero agora pon en moitas dificultades a Besteiro e, sobre todo, condiciona tamén a postura de Madrid", aseguran as fontes consultadas.
"NICO" GONZÁLEZ QUERE SEGUIR
O propio "Nico" González non ten constancia de que a dirección do PSOE en Madrid non queira contar con el nos próximos comicios europeos. De feito, a súa intención é continuar como candidato. A súa elección para este cargo veu determinada hai cinco anos pola boa relación que mantiña con Pedro Sánchez desde antes de que este fora presidente do Goberno español. Por iso, ni o equipo de Sánchez nin o de Besteiro queren abrir un novo "melón" cando o traballo que está facendo o político lalinense é moi ben valorado tanto en Galicia coma en Madrid.
Por iso, as fontes consultadas cren que o nome de Gonzalo Caballero, co seu consentimento, pode estar sendo utilizado por un sector do socialismo galego que non quere que "lle remexan o galiñeiro" no sur da provincia. "Antes das eleccións, propúxose a Caballero para liderar a lista por Pontevedra pero logo os mesmos que o elexiron decidiron cambialo", lembran. "A ver se agora non vai pasar o memo; sacan o seu nome a pasear para que logo acabe sen o cargo de Europa e enfrontado a Besteiro", sinalan.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.