Por Ángela Precedo | OURENSE | 25/03/2024 | Actualizada ás 22:00
Fai tan só un mes a ponte da comarcal OU-536, á altura de Xunqueira de Espadanedo, derrubouse. As obras para poder reconstruír unha infraestrutura pola que pasaban centos de vehículos diariamente para chegar dende o municipio de Ourense ao da Rúa e dende Xunqueira ata A Pobra de Trives, xa están en marcha. Mentres estas duren, habilitouse un desvío do tráfico por una ruta alternativa que, con todo, non convence demasiado aos condutores (terían que ir pola OU-0106 ou pola OU-0153), que atoparon unha solución mellor coa que se aforran cinco minutos e moita volta: atravesar por unha pequena aldea de menos de 20 veciños, Vilariño, que está xusto ao carón da ponte derrubada. Unha veciña desta pequena poboación chamada Vanessa conta ao Galicia Confidencial o inferno que están a vivir dende fai unhas semanas.
"A pesares de estar habilitado un desvío debidamente indicado, estamos a sufrir un tráfico de vehículos excesivo e a unha velocidade inapropiada", asegura, e indica que se trata de condutores que "xa coñecían ou descubriron por casualidade que atravesando a aldea atallaban". Así, hai unhas horas puntas moi concretas (de 08.00 a 9.00, de 13.30 a 15.00 e de 19.00 a 22.00) nas que "temos que soportar que numerosos coches, furgonetas e pequenos autobuses transiten por unha estrada estreita pola que dificilmente collen dous turismos, e a unha velocidade moi superior á recomendable". Se en zonas habitadas das cidades o límite de velocidade está fixado en 20 ou 30 quilómetros por hora, neste caso aínda debería ser menos.
"UNS CONTÁRONLLE AOS OUTROS QUE ATALLABAN E AGORA PASAN DENDE TURISMO ATA FURGONETAS DE REPARTO, CAMIÓNS E PEQUENOS AUTOBUSES"
Vanessa lembra que o verdadeiro problema comezou a partir da fin de semana na que se cortou o tráfico: "Algún empezou a pasar pola aldea, pero o normal, porque coñecían da súa existencia e pasaban por ela para atallar". Pero, "despois da primeira fin de semana de marzo, cando nevou en Manzaneda e se encheron as pistas de xente, a cousa xa se descontrolou, comezando a pasar por aquí un montón de coches de persoas que ían esquiar, tanto de aquí da zona como de fóra". Así as cousas, lembra que esa fin de semana foi "un descontrol".
A partir de aí, "a xente foi pouco a pouco coñecendo ese atallo, ben fose por coincidencia ou porque llo comentaron amigos e coñecidos, e agora polo pobo pasan dende turismos ata furgonetas de reparto e mesmo camións". "Onte puxen o móbil para contabilizalos e facerme á idea de cantos podían pasar e entre as 08.00 e as 17.00 pasaron uns 120 vehículos", afirma Vanessa.
"EN PARTE DA PISTA DIFICILMENTE COLLEN DOUS COCHES EN PARALELO, PERO NO MEDIO E MEDIO DA ALDEA XA NIN DOUS COCHES COLLEN Á PAR"
E xa dá igual que se trate de furgonetas de reparto que de ambulancias, turismos ou camións, todos van a unha velocidade excesiva para unha zona na que, como nos indica esta veciña, "dificilmente collen dous coches en paralelo, ou un coche e un tractor se ambos se arriman moito á beira". No caso de que queira pasar un camión, "xa só pasa o camión, non collen máis vehículos". E non todo o camiño que percorre a aldea é igual, pois "no medio e medio xa nin dous coches collen á par, pois a pista é estreita e sinuosa, como calquera outra pista de aldea en Galicia". Así, por esta aldea pasaron de recibir catro ou cinco coches ao día a ter agora un tráfico de máis de 120. "O cambio foi radical", asegura Vanessa.
A súa velocidade está a poñer en risco a actividade normal dos veciños do lugar. Das 20 persoas que habitan na aldea, aproximadamente, precisa que hai dous nenos pequenos e algunha persoa de mediana idade, pero que a inmensa maioría son anciáns de máis de 60 anos que andan en muletas, entre os que está o seu sogro, que se move en cadeira de rodas. "Os coches non o respectan moito que digamos", lamenta. Deste xeito, calquera día podería acontecer unha desgraza, como un atropelo, se non se toman medidas, porque mesmo para apartar dos coches que veñen, "os anciáns, os pobres, non poden camiñar moi rápido".
DENDE O CONCELLO ASEGURAN QUE NON PODEN CORTAR O TRÁFICO NA ZONA, ASÍ QUE PIDEN AOS VECIÑOS QUE TEÑAN "COIDADO"
Para tratar de atopar remedio a esta situación, os veciños pediron axuda ao Concello. Dende Galicia Confidencial puxémonos en contacto co alcalde de Xunqueira de Espadanedo, Carlos Gómez, que nos di que cortar o tráfico na zona non é doado. Para que polo menos os coches baixen a velocidade, asegura que xa falou coa Garda Civil de Tráfico "para que polo menos se pasen a dar unha volta e a estar por alí para que a xente vira que están vixiando, pero que veñan ou non xa non depende do Concello". Para o alcalde, "dende que caeu a ponte todos sufrimos" os atrasos cos coches, "nadie quere ter este problema e hai un desvío perfectamente indicado, pero a xente non respecta, a pesares de que só perden dous minutos máis indo por unha estrada mellor que non atravesa ningún pobo".
Ademais, o rexedor de Xunqueira tamén avisa a aqueles condutores que pensan que atallan moito máis atravesando por Vilariño, que non ten por que ser así, pois "se se atopan con outro coche que lles vén de fronte non pode pasar nin un nin o outro". E é que lembra que nesa aldea, como en tantas outras de Galicia, "as rúas son camiños vellos que antes se usaban para o paso dos carros, e por iso agora dous coches non collen". E, aínda que contemplaron a posibilidade de deixar esa estrada para uso exclusivo dos veciños, asegura que "non podemos, porque ao ser unha vía pública eu non podo cortar sen máis e enganar á xente sen motivo dicíndolle que está a vía cortada cando non o está", pois, como afirma, "trátase de non perxudicar a nadie e de que a xente recupere o seu traxecto normal o antes posible". Así as cousas, pide aos veciños que "ante unha situación de emerxencia como esta, vaian con máis coidado que antes".
E, tendo en conta que a vida normal da xente desta aldea pasa por saír a camiñar para falar cos veciños ou ir ás fincas, a actividade diaria dos veciños estase a ver coartada. Como os prazos que manexa a Xunta para ter reparada a ponte e novamente circulando por ela o tráfico son de 2 a 3 meses, estamos a falar de que os veciños terán que soportar esta situación durante case 100 días. Polo de agora, o excesivo tráfico xa se empeza a notar nas condicións do asfalto, que "se despegou nalgunhas zonas" e amosa "algún buraco, aínda non moi fondo", pois non está preparado para acoller tal volume de tráfico. Na páxina web do Concello e nas redes sociais xa puxeron un anuncio pedindo a colaboración dos viandantes, "pero a xente segue pasando, porque os que coñecen atallan e os que non van guiados polo GPS".
Ver esta publicación en Instagram
¿Gústache esta noticia?Problemas cos comentarios?
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.
¿Gústache esta noticia?
- Á procura de vacas no medio da autoestrada Un accidente entre un camión e un guindastre en Lalín termina con varias vacas soltas pola AP-53
- Recuperan nun regato pouco profundo o corpo sen vida dun home en Monforte de Lemos
- Sete investigadoras galegas galardoadas no I Premios RAGC-UIE para investigadores
- A guía renovada de Sanidade inclúe mariscadoras e labregas contra a disfunción de chan pélvico feminino
- Un incendio nun edificio de Rianxo deixa danada unha terraza exterior
- 25N.-Movemento pola Paz revela nun informe que o 63 % das mulleres migrantes sufriron violencia de xénero