Especies invasoras: uña de gato, unha planta cuxa primeira descrición botánica en España data do ano 1900 no Grove

As Rías Baixas no mes de abril están invadidas pola cor violeta, a desta especie invasora chamada 'Uncaria tormentosa'. Encántanlle as altas temperaturas e as zonas de dunas, nas que se impón fronte a especies endémicas. Jonatan Rodríguez, investigador da USC que participa nun estudo sobre a perigosidade desta planta para os ecosistemas, conta ao Galicia Confidencial as características desta planta.

Por Ángela Precedo | PONTEVEDRA | 30/03/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Se vos falo dunha planta que crece na costa, que ten unha flor violeta moi vistosa, que forma mantos e onde hai unha hai moitas máis, que semella algo exótico... Que me diriades? Saberiades cal é? Pois trátase da 'Uncaria tormentosa'. De seguro que este nome a máis de un estalle a facer intuír que non se trata de nada bo. É máis coñecida como uña de gato ou garabato amarelo. Saltou das selvas con abundante luz de América do Sur a Galicia e fíxoo para quedarse. Dende o Galicia Confidencial falamos sobre ela co biólogo da Universidade de Santiago (USC) Jonatan Rodríguez, que forma parte dun grupo de investigación que se adica a estudar o seu impacto nos ecosistemas galegos. Así continuamos a nosa serie sobre especies invasoras en Galicia, coñecendo esta bonita pero perigosa planta.

Uña de gato
Uña de gato | Fonte: Arquivo

Como nos explica Rodríguez, a uña de gato é "unha planta clonal, suculenta, que medra principalmente de forma rastreira, pegada ao chan, e que adoita formar manchas homoxéneas no terreo onde se estende, alo menos nas zonas que están máis invadidas, tornándose nunha especie de alfombra que lle permite xerar un efecto físico para competir polos recursos coas especies nativas da zona, ás que vai desprazando". E de onde provén? De Sudáfrica, máis concretamente, da rexión do Cabo. Esa sería a especie en concreto que está a invadir a Península Ibérica, a 'Carpobrotus edulis', aínda que hai outras semellantes. O investigador nomea á 'Carpobrotus acinaciformis'. "Actualmente hai moita confusión sobre como podemos diferenciar unha especie doutra, e realmente é moi difícil porque o período de floración e as súas flores son moi semellantes, de feito, mesmo poden hibridar, mesturarse entre si dando lugar a novas especies", explica.

Tamén hai uña de gato noutros lugares do mundo como Australia ou Sudamérica, en todo o que sería o hemisferio sur. A que pode deberse isto? As hipóteses apuntan a que, "no pasado, cando todos os continentes estaban unidos formando Panxea, a uña de gato xa estaba nesta zona concéntrica de Sudáfrica, Australia e Arxentina e Chile, que naquel momento conectaban e mantíñanse unidas; pero cando os continentes se separaron, seguramente houbo unha deriva xenética e, ao final, as barreiras bioxeográficas fixeron que surxisen especies moi parecidas nos tres lugares, pero algo diferentes entre si". Por iso, en concreto, as que hai na Península Ibérica son as de Cidade do Cabo e toda a parte oeste de África, a terra que se coñece como o Cabo de Boa Esperanza.

"SEGURAMENTE FORON OS NAVEGANTES HOLANDESES OS QUE A LEVARON DE SUDÁFRICA A EUROPA NO SÉCULO XVI"

A pregunta é: como conseguiu saltar tantos quilómetros de distancia e mesmo atravesar o mar? "As primeiras citas apuntan a que no século XVI foi cando se tería levado de Sudáfrica a Europa, seguramente por parte dos primeiros navegantes holandeses que chegaron ao sur de África e fixeron o mesmo que cando agora nós viaxamos en avión a Xapón e vemos algo que nos chama a atención e collémolo para traelo para ensinar aos nosos amigos: viron esta planta rara e, como nunca antes a viran porque en España non hai especies desta familia, xa que as poucas que hai proveñen todas de fóra, fíxoselles tan rara que quixeron traela", conta Rodríguez.

Uña de gato
Uña de gato | Fonte: CSIC - Arquivo

Nos séculos XVI e XVII temos os primeiros escritos que describen esta planta a nivel europeo, pero "a primeira cita botánica que existe na Península Ibérica é do ano 1900 na localidade pontevedresa do Grove, é dicir, fai cousa de 124 anos". Como apunta Rodríguez, é moi probable que xa existise antes, pero ata que alguén o pon por escrito non nos é posible sabelo, aínda que "podemos intuír que é probable que chegase moito antes".

"NON LLE GUSTA O CLIMA FRÍO, POR ISO ESTÁ INSTALADA EN ZONAS DE COSTA NAS QUE AS TEMPERATURAS SON MÁIS TEMPERADAS DURANTE TODO O ANO"

Sexa como fose, hoxe por hoxe invade toda a zona costeira, especialmente as Rías Baixas, en espazos de dunas e acantilados. Ademais, como acontece no caso da mimosa, "é unha planta moi visible, cando está en flor ves o manto amarelo da mimosa de lonxe e, neste caso, se vas pola zona costeira de Galicia no mes de abril, verás un color violeta moi chamativo, tirando a rosado ou púrpura, que é a cor da floración da uña de gato", asegura o investigador da USC. E non é casualidade que esta flor prefira a zona de costa que outras de interior, pois tamén no seu lugar de orixe aparece sobre todo en zonas costeiras nas que non hai moita altitude, porque "o que máis lle afecta son as xeadas, o clima e a temperatura fría non lle gustan moito".

Entón, "as zonas costeiras de Galicia son bastante temperadas, é raro que baixen dos cero graos, na costa non neva dende os anos 80". En concreto, Rodríguez precisa que "por debaixo dos 4 graos a temperatura xa lle afecta bastante, pero nas zonas costeiras adoita haber temperaturas bastante temperadas e suaves durante todo o ano, salvando algún día de frío extremo, pero o efecto do mar mitiga a baixada das temperaturas". Ademais, tamén prefire as zonas con escasa humidade, "os solos areosos tipo dunas, cunha capacidade moi baixa para reter auga, case sen materia orgánica". No caso da uña de gato, "ten a habilidade de acumular auga nos seus tecidos, por ser suculenta, e en momentos de escaseza vai tirando dos recursos que ten almacenados no interior dos tecidos". Trátase pois, dunha adaptación a eses climas máis desérticos, de extrema aridez, sequía e insolación, porque nas zonas de dunas tamén se da a insolación. Deste xeito, sería moi complicado que proliferase nas zonas de Ourense ou Lugo, por exemplo.

"NAS DUNAS COMPITE MOITO CON ESPECIES ENDÉMICAS QUE NON HAI EN NINGÚN OUTRO LUGAR E QUE SON DE PRIORITARIA PROTECCIÓN"

Con todo, e aínda estando limitada ás zonas de costa, o que causa non é un mal menor, pois fai moito dano aos ecosistemas autóctonos, competindo polos recursos con moitas especies autóctonas ás que remata por gañarlles a partida. "Sobre todo nas dunas compite moito con outras especies endémicas e que son propias dese lugar e non aparecen en ningún outro sitio, especies que son de prioritaria protección, porque se só están aquí son auténticas xoias polas que hai que preocuparse", plantexa Rodríguez, que fala especialmente das especies endémicas que aparecen nas dunas, adaptadas a un clima extremo, con aridez, escaseza de auga e insolación. "O feito de que creza uña de gato nesas zonas e produza mantos homoxéneos bastante rápido fai que xa polo espazo no que teñen que competir pola luz e os recursos a uña de gato gañe a partida, porque é moito máis vigorosa", argumenta.

Como consecuencia, ao eliminar especies autóctonas, tamén elimina da zona aos insectos que se alimentaban delas. O investigador conta que fixeron dende a UVigo un estudo semellante ao que fixeron coa mimosa para ver como afectaba aos insectos hervíboros do lugar e, "efectivamente, vimos que si, que ocorría, como no caso da mimosa, que hai hervíboros que se alimentan da uña de gato, pero que son menos dos que se alimentaban das especies endémicas, polo que prolifere a uña de gato pode reducir a diversidade na contorna da duna e a abundancia de insectos". Así, isto "afecta un pouco a toda a cadea trófica, porque se non hai insectos que se alimenten desa planta a planta vai crecer máis e, á súa vez, seguirá competindo directamente polo espazo con outras especies nativas".

"OS PAXAROS QUE SE ALIMENTABAN DE INSECTOS QUE, Á SÚA VEZ, SE ALIMENTABAN DE PLANTAS AUTÓCTONAS, NON VAN TER ALIMENTO SUFICIENTE"

Así mesmo, "os animais superiores que se alimenten deses insectos non van ter alimento suficiente para poder sobrevivir". Rodríguez pon o exemplo de "paxaros insectívoros que se alimentaban deses insectos que se van ver reducidos". "Ao final todo é unha cadea, poderíase falar de efecto fervenza: perdemos algo que está na base da pirámide e, como se se tratase dun castelo de Naipes, todo se vai caer", explica o investigador que, con todo, aboga por "non ser tampouco moi dramáticos, porque tampouco é que todo Galicia estea invadido de uña de gato e non haxa nada máis, pero si que é certo que hai zonas prioritarias nas que hai que actuar para evitar unha invasión". E a actuación nesas zonas é moito máis sinxela que no caso das mimosas, que mesmo poden rebrotar tras ser cortadas.

A uña de gato "pode ser retirada de xeito manual con bastante facilidade, desenraizando, tirando dela coma se fose unha alfombra, e logo levar ese material orgánico a procesar". O que logo se faga con el habería que velo, pero o investigador apunta a que, principalmente, remata sendo "secado e queimado", porque "se se levase a outro sitio podería volver enraízar". De aí que a súa retirada na maioría das ocasións se faga con contedores que levan o material ás plantas de biomasa a queimar. Cal é o problema entón? Pois que "o volume vexetal ou de biomasa como resultado desa extracción é elevado, estamos a falar de toneladas en manchas duns poucos metros cadrados".

"SI SE ESÁN FACENDO COUSAS PARA TRATAR DE ELIMINALA"

Afortunadamente, Rodríguez asegura que "si se están facendo cousas para tratar de eliminala" dos ecosistemas. E apunta a accións levadas a cabo por grupos e organizacións sen ánimo de lucro como o Grupo Naturalista Hábitat ou Adega, que están traballando con grupos de voluntarios para retirala e, como indica o investigador, "facendo bastante traballo que resulta efectivo". No caso do seu grupo de investigación, agora están facendo unha segunda fase do proxecto na que "tras saber que a uña de gato afecta ás interaccións planta-herbívoro e telo comprobado nas zonas costeiras de Galicia, queremos ver se retirando a uña de gato se recupera ou non a comunidade de especies nativas que había antes da súa introdución ou xa é algo que non ten volta atrás". Polo de agora levan dous anos de seguemento, este sería o terceiro e agardan que para o ano que vén ou o seguinte xa poidamos dar resultados, xa sexan positivos ou negativos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta