Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/03/2024 | Actualizada ás 13:58
O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, cre que o expresident catalán Carles Puigdemont "eleva o nivel de chantaxe" ao que, ao seu xuízo, somete ao Goberno de España ao anunciar que será o candidato de Junts nas eleccións catalás do próximo 12 de maio. Ademais, acusou ao xefe do Executivo central e líder do PSOE, Pedro Sánchez, de "permitir" e "ata fomentar" esa "chantaxe" porque, "con tal de que o seu posto poida seguir uns días máis, admite calquera cousa".
En declaracións aos medios desde a Cidade da Cultura, en Santiago, onde participou na entrega de premios extraordinarios a estudantes universitarios, o mandatario galego ironizou con este anuncio que Puigdemont fixo nun acto en Elna (Francia) que "tivo moito máis de mitin que de conferencia".
Alfonso Rueda dixo que a súa candidatura non lle resulta "unha sorpresa". "As cousas que dixo, incluso a actitude de soberbia, por non dicir de chulería, que creo que case de modo obxectivo podíase obervar, supoño que o facía ademais á mantenta, é unha pouco consecuencia de todo o que vimos durante estes meses e estes anos anteriores", explicou.
E é que, nas súas palabras, a candidatura de Puigdemont supón "un paso adiante máis" nesa "chantaxe" que Sánchez "permite" con tal de "seguir uns días máis" como presidente do Goberno. Así mesmo, Rueda advertiu que todo o que anunciou o expresident catalán que ía facer se é investido e do que isto "pode supor para Galicia", porque o independentismo "non pensa en absoluto noutra cousa que non sexan eles mesmos e en quitarlle o máximo aos demais para telo eles".
"Galicia sairía perdendo se as cousas que anuncia e coas que ameaza o independentismo catalán se levan adiante", insistiu Rueda, para seguidamente facer un chamamento "á responsabilidade" do PSOE e "mesmo" do BNG, porque "as cousas que queren para eles van ser moi prexudiciais para Galicia".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.