Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/03/2024 | Actualizada ás 17:51
A xunta de goberno local de Santiago aprobou este luns o expediente de contratación do servizo de conservación, mantemento e pequena reforma de diversos edificios e instalacións dependentes do Concello, por un orzamento basee de licitación de 1.420.172,60 euros.
Así, o goberno aprobou tamén abrir o procedemento aberto para adxudicar este servizo durante tres anos: 473.390,88 euros para 2024; 710.086,30 para 2025; e 236.695,42 para 2026. En concreto, o contrato recolle actuacións en colexios (800.000 euros), edificios da administración xeral (228.000 euros), dependencias deportivas (200.000 euros) e centros socioculturais (192.172,58 euros).
Ademais, a xunta de goberno local deste luns adxudicou por 24.102,66 euros o contrato para a subministración de computadores de sobremesa e monitores en centros socioculturais do rural. A adxudicataria foi Micromedia SL por presentar a oferta máis vantaxosa. A totalidade do importe está financiado ao amparo do 'Plan Único' da Deputación da Coruña.
CONSELLO MUNICIPAL DE IGUALDADE
Por outra banda, o goberno local deu 'luz verde' ao proxecto de regulamento do Consello Municipal de Igualdade de Santiago, que terá que ser elevado ao pleno para a súa aprobación inicial. Este órgano pasará a ser independente a partir de agora, xa que era unha comisión sectorial do Consello de Familia, Benestar Social e Igualdade.
O novo Consello Municipal de Igualdade terá o obxectivo de promover no ámbito local a igualdade na diversidade e a eliminación de toda forma de discriminación. Así, poderá asesorar ao goberno, emitir informes e ditames relacionados coas políticas do Concello, impulsar iniciativas para aprobar disposicións a favor da igualdade, así como deseñar plans e programas locais sobre esta materia e diversidade afectivo sexual.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.