Por Europa Press / Redacción | Ferrol | 25/03/2024 | Actualizada ás 17:38
O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, presentou este luns o proxecto de orzamentos municipais para este ano 2024, que chega aos 92.183.850,82 euros, "a cifra máis alta da historia da cidade e que supón un incremento do 16,89%" con respecto ao ano pasado.
Nunha rolda de prensa celebrada no mediodía deste luns no Concello, o rexedor popular detallou que con estas contas o "obxectivo é continuar cumprindo coa palabra dada aos veciños" e "contar cada ano cun novo orzamento para poder continuar desenvolvendo o proxecto de cidade".
Do total previsto, resérvanse a investimentos 21.407.470,57 euros, para poder desenvolver, entre outras, as iniciativas 'Abrir Ferrol ao mar', a 'Cidade do Deporte' e actuar na parcela do antigo acuartelamento de Sánchez Aguilera. Todas estas iniciativas suporán un gasto de máis de 40 millóns de euros en varias anualidades grazas á colaboración doutras administracións.
Pola súa banda, a edila de Facenda, Susana Sanjurjo, encargouse de explicar as cantidades designadas en cada un dos capítulos destes orzamentos nos que se "conxelarán os impostos e taxas para apoiar a recuperación económica con tres excepcións", a máis significativa a que afecta á empresa mixtas de augas, Emafesa.
SUBIDA DA AUGA
Segundo Sanjurjo, a situación desta sociedade é "límite", ante as débedas que arrastra de máis de 6,6 millóns de euros nos últimos anos e que por iso tiveron que tomar a decisión de subir a contía que deberán de abonar os abonados, estimando que "de media será menos dun euro ao mes", cantidade que variará en función do consumo.
No capítulo de persoal detallou que "hai máis de 100 vacantes detectadas" e que non se cumpriron as sentenzas xudiciais que están desde o ano 2017, "que son imprescindibles para poder levar a bo fin o proceso de consolidación, aos que estamos obrigados a regularizar a súa situación desde hai case oito anos".
Ademais, os orzamentos recollen 1,4 millóns máis "para asumir a incorporación de novos funcionarios e do persoal que sexa necesario, algo xa iniciado no 2023", chegando o montante total ata os 23 millóns de euros.
Noutra orde de asuntos, o alcalde de Ferrol detallou que o convenio co Ministerio de Defensa cumpriu un novo capítulo: "Este mes recibimos o compromiso de financiamento do proxecto de urbanización, polo que podemos iniciar a súa licitación".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.