O único gran mural de Ourense: A Gaiteira Real do ourensán Mon Devane

O artista foi o artífice das obras que ilustran os últimos 140 kilómetros do Camiño francés na exposición de arte máis grande do mundo 'Estrellas del Camino'. "O que aposta por muralismo, gaña", destaca.

Por Amanda Fernández | Lugo | 05/04/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O Galicia Confidencial, despois de visitar Lugo e Vigo, fai parada en Ourense para coñecer ao seu máximo expoñente, o artista Mon Devane. Quen chegue á cidade das Burgas polo acceso centro da autovía A-52 será recibido por unha fachada vertical co rostro da Gaiteira Real, o único mural de gran formato que hai na cidade. Mon Devane realizouno coa axuda da Deputación de Ourense, xa que lamenta non ter máis "apoio institucional" por parte do Concello na aposta pola arte pública. De feito, tamén destaca a obra homenaxe ao actor Chechu Salgado polo seu papel de Zarco en 'Las leyes de la Frontera', polo que levou un Goya. "Pinteino pola miña conta, coa miña inversión, foi autofinanciado na súa totalidade", manifesta Mon. 

Zarco
Zarco | Fonte: Mon Devane

Na cidade, destaca o artista que tamén a Deputación, a través do Festival ICC Week, o contratou nos últimos anos para pintar o colexio público infantil Mestre Vide, onde hai uns murais de oito metros de alto. "Non está mal, non é unha medianeira, pero é un tamaño interesante, trátase de dous retratos de dous nenos, que tamén é algo interesante que ver", comenta. Recoñece que tería que poñerse a pensar bastante para atopar máis murais destas características, de gran tamaño, exterior e visible na cidade de Ourense. "Non hai ruta de murais, xa que a nosa cidade vai á cola da historia neste formato de murais e estaría ben que se apostase máis. Dedicámonos a pintar, pero sen apoio institucional e máis difícil sacar os proxectos", expón e engade que para que isto funcione nunha cidade ten que haber iniciativa por parte de todos, dos veciños que presten as súas paredes e das insitucións que apoien económicamente aos artistas. 

 

 

 

Estrellas del Camino en Santiago de Compostela
Estrellas del Camino en Santiago de Compostela | Fonte: Mon Devane

COÑECEMOS Á GAITEIRA REAL

O camiño para realizar a Gaiteira Real non foi doado para Mon Devane, que nos conta como se fixo posible: "No seu día, o Concello plantexoume comezar a facer murais, parecido ao caso de Lugo ou Vigo, así como algún tipo de festival. Nese momento fixen un chamamento público nas miñas redes sociais das fachadas que me interesaban e varias comunidades nos cederon desinteresadamente e de forma gratuita os seus espazos. Unha vez tiña os espazos, a iniciativa non arrincou por parte do Concello. Finalmente, foi a Deputación quen nos apoiou co financiamento". Foi así como empezou a pintar á Estela, a gaiteira real, pero por que quixo representar esta imaxe?  

Inicialmente concibiu este mural como parte dun díptico que dera a benvida á xente que chega á cidade desde calquera punto, pero os veciños non cederon a fachada do lado. Tiña claro que representaría algo icónico ourensán e pensou en dous gaiteiros, unha nena e un neno. Apostou pola Real Banda de Gaitas de Ourense por ser algo local. "Quería que levase o traxe da banda da Diputación porque ao final a Real Banda de Ourense desfila por todo o mundo, representa á cidade desde fai máis de 30 anos, e leva o seu traxe de gala. Defende a cidade con moito amor e era esa icona a que buscaba para diferenciar que estabas chegando a Ourense, que non é un gaiteiro tradicional máis, que se podía ubicar en calquera outra parte de Galicia", expresa. 

E por que Estela? "Escollin a Estela, que non só é gaiteira, senón filla de gaiteiros da Real Banda e os seus pais se coñeceron e empezaron a súa relación aló e a súa irmá tamén toca na Real Banda, ten sangue da Real Banda de Ourense. A parte de ser unha chica maravillosa que estuda no conservatorio e toca o clarinete, algo que descubrin a posteriori". O artista fai fincapé en que tiña que ser ela porque se alguén a esta Banda é ela, "non hai ninguén mellor". Entre os detalles que a simple ollada non se ven destaca que dedos leva a palabra 'Real' a modo de tatuaxe porque é unha gaiteira real da Real Banda.

Mon recoñece que recibiu o cariño dos veciños da cidade porque atopou "ese punto de que a xente se ve representada pola Real Banda". Indica que a xente tiña moitas ganas de ter un mural así e que lle trasladaron que logo de ver o que facía polo estranxeiro, tocaba facer algo así na casa. "Sempre defendo valores de ourensán aló por onde vou e quería facer algo que representase á miña cidade e a acollida foi moi boa. Está nun barrio, do Couto, e dá cor á xente que vive nesa zona", expón. O artista tamén confesa que ten ganas de facer máis, de agasallar con máis arte e cultura porque ao final "o consumo é público". 

ESTRELLAS DO CAMIÑO

Se estás lendo isto e non es de Ourense é moi posible que este mural che recorde a algún outro que viras nalgún punto do Camiño Francés. Mon Devane é o autor de varios murais da exposición de arte urbano máis extensa do mundo, 'Estrellas del Camino', comisariada por Estrella Galicia. Defínese a el mesmo como un "autor fotorrealista" cunha paleta de cor moi persoal "en tons turquesas, cun xogo entre o azul e o verde". Destaca que traballa cunha linguaxe moi fotográfica e publicitaria, coa "figura humana como elemento principal" como excusa para contar unha historia. "Normalmente, do lugar en que pinto, investigo o que quero contar dese lugar, a través da figura humana, trato de contar esa historia, a través da roupa que leve, das tatuaxes que lle poña... Partindo dunha fotografía, que normalmente tamén fago eu elixo o modelo, se é home, muller, neno, maior, fágolle unha sesión de fotos, plantexo o deseño, cara a onde mira, desde donde o vai ver a xente, e en función de todas estas incógnitas vou resolvendo unha imaxe para logo pintala", comenta. 

Fai pouco fixo tres ano un dos "proxectos máis interesantes" da súa carreira cos murais da exposición 'Estrellas del Camino' da que destaca o imprescindible apoio de Estrella Galicia tanto económico como a nivel conceptual. "Retratei historias ligadas ao Camiño de Santiago, que tiveran algo que contar, e creo que quedou un proxecto moi redondo. Téñolle un cariño a todos os murais e este proxecto axudoume a coñecer novas partes de Galicia. É imposible quedar un só mural", explica desta exposición de murais que está á vista de quen se anime a realizar o Camiño de Santiago ou a pasar polas sete etapas que conforman o Camiño francés. 

Mon Devane empezou no mundo do graffiti con 17 anos e non imaxinaba poder vivir da arte. Estudou Ilustración e Deseño gráfico na Escola de Arte de Ourense e logo de xeito autodidacta empezou a especializarse en realismo e gran formato. Como profesional puido saír fóra, xa foi varias veces a distintos países de Latinoamerica. "Aló o muralismo está vixente. En México, o muralismo foi un dos movementos históricos de arte máis importantes do mundo con Diego Rivera e compañía e nótase que a xente é máis receptiva", expón. Lembra que foi a un festival a La Paz e pintou no cemiterio General de La Paz: "Fanse murais dentro dos cemiterios, nos propios nichos, nas paredes, algo que aquí o dis e pode soar raro. Déixanche pintar o que queiras e da cores que queiras", comenta e sinala que aquí o muralismo é algo que se ve como máis recente, pero que sempre houbo. "Agora mismo vive un momento de auxe en Galicia e o que aposta por muralismo, gaña, só hai que ver lugares como Lugo ou Fene", manifesta. 

Estrellas del Camino en Melide
Estrellas del Camino en Melide | Fonte: Mon Devane
Estrellas del Camino en Arzúa
Estrellas del Camino en Arzúa | Fonte: Mon Devane
A Gaiteira Real
A Gaiteira Real | Fonte: Mon Devane
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta