Un día en Salvamento Marítimo: o difícil de ubicar unha emerxencia nunha costa con mil nomes só presentes na tradición oral (III)

Os traballadores do Centro de Coordinación do Tráfico e Salvamento Marítimo de Fisterra explican a Galicia Confidencial como realizan a xestión dunha emerxencia dende que reciben o aviso por parte dun particular ata que deciden os medios a despregar, coa dificultade que en moitas ocasións supón o ubicar exactamente no lugar onde se produxo o suceso. Tamén somos testigos dun episodio directo de vixilancia sobre a contaminación dos mares.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 07/04/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Os labores de Salvamento Marítimo, como xa vimos en diversos capítulos desta serie, son moi diversos, a pesares de que o primeiro que se nos pasa pola mente é a embarcación ou o helicóptero que sae a rescatar a buques que quedan á deriva, a salvar a mariñeiros en apuros ou a persoas que caeron ao mar. Pero tamén dende Salvamento son os encargados de realizar a vixilancia e control do tráfico marítimo e de levar a cabo a loita contra a contaminación dos mares. Así nos contan ao Galicia Confidencial os traballadores do Centro de Coordinación do Tráfico e Salvamento Marítimo de Fisterra en que consiste esa función tan descoñecida que é a loita contra a contaminación, e tamén como se atenden aos avisos dados por persoas sobre accidentes acontecidos na costa, despois de ter xa coñecido como se realiza o control do tráfico marítimo.

Ondas contra as pedras na costa de Valdoviño
Ondas contra as pedras na costa de Valdoviño | Fonte: Arquivo

É MOI DIFÍCIL A DÍA DE HOXE OCULTAR UN EPISODIO DE CONTAMINACIÓN NO MAR

No tocante á loita contra a contaminación, o labor do Centro de Coordinación de Tráfico e Salvamento Marítimo de Fisterra é fundamental e moi complexo, non só polo delicado do traballo en si, senón tamén pola ampla área que teñen que vixilar. Como nos explican os traballadores e o propio Manuel Capeáns, o centro de Fisterra vixila as zonas de contaminación de toda a costa norte de España, dende Galicia ata Francia. Cómpre lembrar que, precisamente, no día no que este medio visitou as instalacións, estaban xestionando unha alerta mandada pola Axencia de Seguridade Marítima Europea (AEMS) que lles pedía que comprobasen se un barco tivera unha fuga ou perda de carga durante a súa navegación á altura de Xixón. A axencia mándalles instruccións, información sobre o tamaño e a posición, así como sobre o barco que podería estar relacionado coa mancha, nunha imaxe satélite, pero logo é o centro de Fisterra o que debe comprobar todos eses datos e se realmente hai contaminación ou foi unha falsa alarma. 

Para facer as comprobacións, ademais das imaxes de satélite enviadas pola AEMS tamén contan cos medios técnicos á súa disposición para desprazarse ata a zona (barcos e helicópteros) e coa visualización que ofrece o sistema AIS (Automatic Identification System) dos buques que o levan --están obrigados todos os de máis de 300 toneladas brutas que  realizan viaxes internacionais--, que permite ver imaxes satelitais dos barcos que están próximos ao que se está investigando. Un dos traballadores asegura que no mar é moi difícil que se escape algo a día de hoxe e non se saiba ao instante, por todos os sistemas que hai para evitar a contaminación por parte dos buques que atravesan as nosas costas. E é que mesmo os satélites poden reproducir a traxectoria de calquera barco con sistema AIS durante as últimas 24 horas e, en base aos seus movementos e á posición da mancha detectada, a axencia europea sabe cales son os barcos que están posiblemente relacionados coa mancha. 

EN GALICIA ATENDÉRONSE NO 2023 UN TOTAL DE 61 ACTUACIÓNS AMBIENTAIS

Ondas contra as pedras na costa de Valdoviño
Ondas contra as pedras na costa de Valdoviño | Fonte: Arquivo

Que pasou neste caso co barco? Como nos contaban os traballadores mentres o helicóptero estaba de camiño a Xixón para comprobar o acontecido, neste caso o satélite da axencia europea identificara claramente un barco que era posible que estivera relacionado coa mancha. Dende o Centro de Coordinación do Tráfico e Salvamento Marítimo de Fisterra, tan pronto como se recibiu o aviso por parte da AEMS, contactouse con ese buque e comprobouse que fixera unha operación legal: transportaba aceite de xirasol e, unha vez descargado no porto correspondente, tivo que proceder a limpar o tanque antes de volver ao porto de orixe para cargar nova mercadoría. Como indican, ao descargar a mercadoría e facer a limpeza é normal que sempre queden restos, pero estes son legales sempre que a porcentaxe de aceite que queda non sexa superior a unha certa cantidade. Porque se este aceite fose liberado en grandes cantidades ao mar, podería causar un gran dano, xa que a pelica que se crea enriba da auga, aínda sen ser tóxica, pode perxudicar aos ecosistemas, facendo que a auga non flúa da mesma maneira, que a luz non penetre do mesmo xeito...

En concreto, e segundo os datos do Informe Anual de Salvamento Marítimo de 2022, a nivel España o organismo dependente do Ministerio de Transportes xestionou un total de 416 actuacións de carácter ambiental (un 39 % menos que nos anos anteriores) xeradas polo afundimento de buques, colisións entre barcos, incendios nos mesmos ou verteduras procedentes de embarcacións ou plataformas. Habitualmente, as principais actuacións de resposta consisten na contención e recollida ou dispersión das verteduras con barreiras e 'skimmers', a extracción do combustible dos barcos afundidos ou varados para evitar posibles derrames, a remoción dos restos de buques no fondo mariño, a toma de mostras para analizar a procedencia e características técnicas das verteduras ou o seguimento de manchas (este foi o caso ese día). En concreto, en Galicia atendéronse o pasado 2023 un total de 61 actuacións relacionadas coa protección do medio ambiente mariño.

UN NOME COMÚN EN DIFERENTES ZONAS E MOITOS NOMES DISTINTOS PARA NOMEAR UN ÚNICO LUGAR, O QUE XERA CONFUSIÓN

Polo que respecta á parte das emerxencias e asistencia a persoas con problemas no mar, os traballadores cóntannos que sempre son eles, en Salvamento Marítimo, os que reciben o primeiro aviso, polo que tamén son os que teñen que facer a xestión de toda a información recibida, algo que non sempre resulta doado, porque en numerosas ocasións hai que indagar para chegar ao punto no que se produxo a emerxencia. Un dos traballadores ponnos como exemplo unha experiencia real, cando nunha ocasión unha persoa que estaba a realizar o Camiño de Santiago, o Camiño da Costa, chamou a Salvamento porque avistara algo no mar na zona de Barreiros, na Mariña lucense, que podería ser unha persoa en situación de potencial risco. Como era estranxeiro non sabía explicar o punto exacto no que se atopaba e non sabía tampouco ubicar a Salvamento no lugar, polo que tiveron que facer unha intensa labor indagatoria para chegar á zona en concreto.

Agora as cousas modernizáronse un pouco e grazas aos teléfonos móbiles e ao WhatsApp, que permite mandar ubicación do lugar no que a persoa se atopa ao instante, é moito máis sinxelo, pero antes non había nada disto, polo que dende Salvamento tamén tiñan que facer as indagacións precisas. Como nos conta este traballador, a costa galega resulta moi complexa xa non só pola súa orografía, senón tamén porque un mesmo punto ten catro nomes diferentes dependendo de a quen lle preguntes, e para iso Google pode axudar moito, porque por moito tempo que leves en Salvamento podes ter moito coñecemento, pero non como o que teñen os locais de cada zona. Ademais, xa non só é que cada punto teña catro nomes, senón que un mesmo nome reprodúcese en varios sitios, sendo común en varios lugares de Galicia, o que pode dar lugar a confusión. 

A TRANSMISIÓN ORAL DESTES NOMES, COA CHEGADA DOS GPS, FOISE PERDENDO

Por que acontece isto? Porque a xente do mar viuse no seu momento, antes da existencia de GPS, de nomear e usar unha serie de termos populares en cada zona para definir ou describir elementos ou formas xeográficas que lles axudasen a ubicarse na costa. Estas marcas podían ser dende unha pedra ata unha entrada do mar na terra. Con todo, non estaban escritas nos mapas, senón que só pervivían na memoria da xente, de tal xeito que estes nomes fóronse transmitindo de xeración en xeración de forma oral. Chegados á actualidade, as cousas complicáronse, con cada vez menos mariñeiros e cos poucos que hai guiándose por navegadores, non se precisa destes nomes, polo que se van perdendo.

Como curiosidade, os nomes máis comúns son os que reflexan a acción violenta do mar sobre as rocas, como 'Bombardeira', 'Maliciosa', 'Petón Fero', 'A Pedra que bole' ou 'Roncadoira'; os que se refiren á cor que lle dán á costa certas plantas ou animais, como 'A Negra', 'Seixos Negros', 'A Laxe rubia' ou 'Laxe Negra'; os nomes de persoas que pescaban neses lugares concretos, como 'Traito de Anselmo'; os relacionados con catástrofes e accidentes marítimos e naufraxios, como 'Peito Ancho', 'Checo' ou 'Ariete'; os nomes de animais que habitan na zona, como 'Corveiro', 'Berberecheira', 'Outeiro de robalos', 'Araña' ou 'Porto de baleas'; os nomes de plantas, como 'As Xunqueiras' ou o 'Traito das Xestas'; e nomes que aluden ás artes de pesca, como 'Gancho'.

A PRIMEIRA RESPOSTA ANTE UNHA EMERXENCIA NO MAR SEMPRE PARTE DE SALVAMENTO

Deste xeito, unha vez se logra identificar e ubicar o lugar concreto onde se produxo o accidente en cuestión, procédese a xestionar toda a información facilitada pola persoa ou persoas informantes e a decidir con que medios se vai dar resposta á emerxencia, en función do que sexa máis adecuado en cada momento. Dende o primeiro intre avísase ao xefe do Centro de Coordinación, neste caso Manuel Capeáns, e a alguén de seguridade marítima e, dependendo do nivel da emerxencia, se está xa resulta moi grave, o nivel de avisos tamén vai subindo escalóns, participando cada vez máis xente. Sexa como fose, a resposta primeira sempre parte de Salvamento.

Temporal costeiro en Valdoviño
Temporal costeiro en Valdoviño | Fonte: ELISA PIÑÓN - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta