Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/04/2024 | Actualizada ás 11:51
Responsables de comunicación dos centros 112 en España reuniranse este xoves, día 4, e venres, día 5, na Estrada, co fin de analizar o presente e o futuro das ferramentas e as tecnoloxías que facilitan a información nas emerxencias.
O encontro estará pautado pola actualidade comunicativa, as novas formas de interacción e como estas poden ser de utilidade en situacións de perigo. Así, debaterase sobre a idea Next Generation 112 (NG112), que consiste en crear novas formas de contacto que impliquen a localización, texto en tempo real, vídeos ou fotografías, así como poder facer videollamadas.
A Axencia Galega de Emerxencias (Axega) organiza esta edición, a terceira do ano, despois das de Madrid e Sevilla, na que se darán dúas conferencias, unha sobre o tratamento informativo do suicidio e a outra sobre o traballo dos xornalistas freelance --por conta propia-- en zonas de conflito.
O xoves, o xornalista Gabriel González, membro da Comisión Interinstitucional para a Prevención das Condutas Suicidas do Goberno de Navarra, tomará a palabra para debater sobre a cobertura informativa do suicidio desde o punto de vista dos medios de comunicación, ademais das fontes.
En canto á información desde zonas de conflito ou catástrofe natural ou humanitaria, explicará a súa experiencia o xornalista freelance Marcos Méndez, quen nos últimos anos traballou en lugares como Ucraína, Gaza ou Islandia, neste último para cubrir unha erupción volcánica. Méndez compartirá cos participantes os riscos de desprazarse a cubrir un conflito por conta propia, así como as particularidades dunha xestión informativa diferente.
Igualmente, os profesionais da comunicación de emerxencias conversarán acerca de novas técnicas de visualización de datos que faciliten a comprensión á poboación, así como do sistema ES-Alert para avisar mediante SMS dunha situación de perigo en tempo real, ou da coordinación transfronteiriza entre comunidades e países.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.