Por Amanda Fernández | Lugo | 08/04/2024 | Actualizada ás 21:00
O Galicia Confidencial continúa visibilizando as historias da xente da Ulloa que se vería afectada ante a chegada da macrocelulosa de Altri, en menor ou maior medida. Nas entregas anteriores coñeciamos a historia dunha familia de gandeiros da Vacariza que vería perigar o seu medio de vida e a da cooperativa Milhulloa que podería perder o seu selo ecolóxico. Nesta ocasión, os principais afectados estarían no concello de Santiso, concretamente no CEIP de Arcediago, na parroquia de A Ponte de Arcediago. María José Salgado é nai dun neno matriculado neste colexio que estaría situado a uns escasos catro quilómetros da finca onde se instalaría a planta, segundo conta. "Afectaríame de dúas formas, primeiro no que atinxe á educación e saúde do meu fillo que acudiría ao cole próximo á macroplanta e, por outro lado, como veciña da zona de Santiso", recoñece.
Ver esta publicación en Instagram
Una publicación compartida por Galicia Confidencial (@galicia_confidencial)
Este colexio atópase no rural e esta foi unha das cuestións que máis valorou María José á hora de matricular ao seu neno, así como a "posibilidade de interactuar co territorio". Destaca neste sentido: "Para nós era importante que el baseara a súa educación no territorio que lle pertence, onde está na sociedade, onde está vivindo e desenvolvendo a súa personalidade". O que teme, tanto ela como outras nais e pais, desde a ANPA, é que a proximidade da planta poida producir afectacións respiratorias aos seus fillos e fillas. "Como ANPA xa nos posicionamos en contra do proxecto e presentamos alegacións polas afectacións a nivel de saúde, de ruído polo aumento de tráfico rodado e pesado e pola contaminación das augas", expón. Precisamente, a cuestión dos vertidos tamén expresa que tería impacto negativo no ocio dos máis pequenos, moi ligado "ao río Ulla". Adoitan realizar actividades que se desenvolven no encoro de Portodemouros, acomo a zona de piraguas que hai en Brocos.
Con isto en conta, o que máis preocupa ás familias é ter a cheminea a pouca distancia coas "emisións que vai expulsar" e as consecuencias a nivel respiratorio para os seus cativos. "Terán que escapar de Santiso se queren ter momentos de ocio fóra dun ambiente contaminado", lamenta Maria José.
O ALUMNADO TAMÉN CONSCIENTE: "UN COLE SEN MALOS FUMES"
Esta nai expresa que as alegacións que presentaron como ANPA están baseadas, en primeira instancia, na fase de canalización e captación de auga porque "esas tubaxes que van montar están a escasos metros do cole". Desta forma, expresa: "Afectarían seriamente á arteria principal que conecta o colexio coas distintas aldeas e casas, ademáis do ruído, o po en suspención". Fai especial fincapé en que non hai ningún plan de continxencia a nivel de seguridade viaria para este caso e insiste en que non se contempla no proxecto que existe un cole nas inmediacións da planta.
Do mesmo xeito, a fase de construción xa da planta industrial da celulosa considera que agravaría estes problemas e Maria José insiste en que neste proxecto tampouco, en ningún dos dous, se ten en conta a existencia dun "colexio de Primaria e Infantil rural".
E a cativada, é consciente da situación? Afirma con claridade e sinala que os os fillos perciben que os seus pais están preocupados e demandan información, que se lles dá. "Somos familias unidas preocupadas e que esixen información, claridade e que deixen de mentir", expón. No caso particular de Maria José, adoitan ir nos veráns a Bueu e acceden a través de Pontevedra, polo que a primeira visión da ría é Ence e o seu fillo, preocupado, pregunta: "Van poñer unha celulosa aquí, a carón do cole?".
Ante a situación actual esta nai é optimista ante a contestación social: "Non é cousa dun colectivo ou de dous, somos grupos de persoas moi heteroxéneos en contra da planta. Imaxino que nun estado democrático, social e de dereito coma o noso, se hai unha base social en contra disto, o proxecto non irá para adiante", manifesta María José confiada. Para concluír, a mensaxe do alumnado é clara e directa: "Queremos un cole sen malos fumes, Altri non!".
¿Gústache esta noticia?Problemas cos comentarios?
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.
¿Gústache esta noticia?
- Atopados tres desaparecidos nas últimas horas e buscan a outro en Ferrol
- Cinco feridos de madrugada tras caer un coche por un desnivel en Meaño
- Atopan morto ao mariñeiro que caeu da súa embarcación en Bueu
- "Apostamos por potenciar o Entroido de sempre, mantendo a súa identidade", Samanta Barreira, concelleira de Verín
- A agonía do marisqueo a pé, o caso de Vilaxoán: "O marisco non medra, non dá o talle, nunca pasou algo así"
- Se viches a este home ou o seu BMV, chama a SOS Desaparecido