Rosa Lozano, avogados de oficio: “Nós non temos os mesmos dereitos dos traballadores que defendemos nos tribunais”

Rosa Lozano é vogal do sindicato de avogados e procuradores Venia que reclama melloras nas retribucións e na calidade de traballo destes profesionais. Consideran que o dereito á xustiza gratuita non se debe exercer pagando do seu peto todos os gastos do seu exercicio. A isto engaden as diferenzas de trato ofrecidas desde diferentes administracións no momento de negociar melloras salariais e de condicións salariais.

Por Moncho Mariño | Santiago | 10/04/2024 | Actualizada ás 22:08

Comparte esta noticia

Arquivo - Avogados da quenda de oficio suxeitan unha pancarta durante unha manifestación, a 12 de xullo de 2023, en Santiago de Compostela, A Coruña, Galicia (España). A esta folga, convocada polo Sindicato de Avogados Venia, foron convocados a letra. César Arxina - Europa Press - Arquivo
Arquivo - Avogados da quenda de oficio suxeitan unha pancarta durante unha manifestación, a 12 de xullo de 2023, en Santiago de Compostela, A Coruña, Galicia (España). A esta folga, convocada polo Sindicato de Avogados Venia, foron convocados a letra. César Arxina - Europa Press - Arquivo

Somos avogados e avogadas con despacho propio e temos que ter anos de experiencia demostrable na materia que imos traballar. Logo disto, mentres haxa voluntarios abondo, entramos nunha quenda que é para atender persoas sen medios suficientes cando debe entrar en contacto coa xustiza. A Constitución así o di, todos e todas debemos ter dereito a acceder á xustiza e non pode haber discriminación por ingresos. Unha persoa non pode estar privada do acceso á xustiza por falta de ingresos, o mesmo sucede coa educación e coa sanidade. Quen dá este servizo gratuíto somos os avogados da quenda de oficio e para dalo a Lei de Xustiza Gratuíta recolle que é unha obriga de todos os profesionais pertencer á quenda de oficio. Só aqueles que poden demostrar a súa imposibilidade para unirse á quenda poden borrarse, en termos reais quen prestamos este servizo somos voluntarios, insisto, sempre que haxa un número suficiente de voluntarios. Hai lugares onde non hai persoal suficiente é obrigatorio. Non só damos servizo a persoas sen medios, mesmo hai casos de persoas envoltas en asuntos penais e non queren nomear avogado nin procurador, mesmo sendo acusadas, porén a xustiza e os denunciantes queren que o caso siga adiante. Nunha situación así, a pesar de que non se cobrará na quenda de oficio, obrígannos a levar a defensa desa persoa. Somos os garantes de que o sistema funcione. Sempre haberá un avogado para atender unha persoa detida e así o proceso continúe. Somos os mesmos profesionais que damos o mesmo servizo de maneira privada mais facemos este servizo porque cremos no sistema público. A día de hoxe, na provincia da Coruña somos todos e todas voluntarias até onde eu sei mais agora mesmo estase dando un proceso de baixas que se está reflectindo noutros lugares de Galicia en apoio á folga que estamos facendo. Todos eles déronse de baixa e automaticamente foron dados de alta todos e todas as avogadas ademais de procuradores colexiados neses lugares porque é un servizo público obrigatorio.

-Cales son as reclamacións para a quenda de oficio que se están expoñendo?
Non é mellorar as condicións senón establecer unhas condicións do século XXI. Agora mesmo son a vogal en Galicia do Sindicato de avogados e procuradores Venia, o único sindicato legal deste tipo. Tivemos que chegar á Audiencia Nacional para legalizarnos porque até hai un par de anos non recoñecían o dereito dos avogados a ter un sindicato. Con esa mesma maneira de pensar, a día de hoxe os e as avogadas de oficio temos todas as obrigas xa descritas, realizamos o traballo xa descrito mais a Administración non recoñece ningún tipo de relación con nós. Isto é, obrígannos a facer un traballo, aprovéitanse do noso traballo, establecen o cliente para atender, establecen o procedemento para aplicar, establecen o prezo a pagarnos que é ridículo.

Unha persoa non pode estar privada do acceso á xustiza por falta de ingresos, o mesmo sucede coa educación e coa sanidade. Quen dá este servizo gratuíto somos os avogados da quenda de oficio 

-Canto vos pagan?
Pois pagan por procedemento. Se falamos dun procedemento penal pode non chegar aos 300€ ou 200 e pico euros. Recordemos que no xuízo do Alvia había avogados de oficio e que durou meses. Un procedemento penal dura anos e o que cobramos non cobre nin desprazamentos nin folios. As gardas que realizamos son de 24 horas en cidades grandes e dunha semana en poboacións máis pequenas e non están remuneradas. Temos obriga de ir ás comisarias cos nosos propios medios pagados do noso peto. A Administración tampouco cotiza por nós pois non recoñece ningunha relación laboral con nós. Ademais, para entrar na quenda de oficio é obrigatorio que esteamos pagando a quenda de oficio. Polas cantidades que nos pagan debemos ter aberto un despacho na localidade onde exercemos, alta de autónomos, pagar o Colexio de Avogados que cobra mensualmente e todo iso suma máis que os emolumentos por estar en quenda de oficio. A Administración fala de xustiza gratuíta mais non nos recoñece como Persoal Laboral Especial, por tanto reclamamos un estatuto de avogado e procurador de oficio para regular os nosos dereitos. Por que? Pois porque non se nos recoñece baixa laboral, se enfermamos temos que buscar un compañeiro para facer o noso traballo, é dicir, todos os dereitos que defendemos nos tribunais para os e as traballadoras nós non os temos. Polo de agora fomos tirando por vocación e porque entedemos que os cidadáns teñen dereito ao acceso á xustiza. Mais, coa crise que sofren todas as profesións, a nosa incluída, non podemos continuar así, por iso pedimos que nos paguen unhas cantidades coherentes co século XXI e nos permita seguir dando ese servizo.

Arquivo - Un avogado da quenda de oficio sostén un megáfono durante unha manifestación, a 12 de xullo de 2023, en Santiago de Compostela, A Coruña, Galicia (España). A esta folga, convocada polo Sindicato de Avogados Venia, foron convocados os let. César Arxina - Europa Press - Arquivo
Arquivo - Un avogado da quenda de oficio sostén un megáfono durante unha manifestación, a 12 de xullo de 2023, en Santiago de Compostela, A Coruña, Galicia (España). A esta folga, convocada polo Sindicato de Avogados Venia, foron convocados os let. César Arxina - Europa Press - Arquivo

-En tal caso, quen ten as competencias para recoñecervos a relación laboral coa Administración de Xustiza?
É competencia do Estado aínda que existe unha lei galega, mais a Lei de Xustiza Gratuíta que aplica é estatal. Porén, as cantidades que se pagan é unha cuestión da comunidade autónoma. Por tanto, debemos negociar en dous niveis, coa Consellería Xustiza sobre as cantidades a pagar por un traballo pois nos está dando un traballo para facer e, ademais, a ese cliente poden denegarlle a xustiza gratuíta e nos obriguen a levar o preito igual, iso non é así, traballamos para a Administración.

A Administración fala de xustiza gratuíta mais non nos recoñece como Persoal Laboral Especial, por tanto reclamamos un estatuto de avogado e procurador de oficio para regular os nosos dereitos

-Negociades a dous niveis, entón, cal é a reacción de cada un deses niveis e, tamén, tedes a sensación de que están eludindo responsabilidades con vós?
Co Ministerio de Traballo foi doado falar coa ministra, foi avogada e tamén da quenda de oficio e estamos traballando no Estatuto do Avogado e Procurador de Quenda de Oficio. Se falamos sobre o Ministerio de Xustiza do señor Bolaños só está recibindo a avogacía institucional, Colexios de Avogados e ao Consejo General de la Abogacía, que non están da nosa parte, aínda que digan o contrario. Por tanto, non se reúne con xente da quenda de oficio. Sobre as autoridades autonómicas a relación era inexistente, só se reunía cos colexios de avogados, até que un día o director xeral de Xustiza se reuniu con nós e recoñeceu o noso papel como interlocutores válidos. Aínda así, reuniuse cos colexios á parte para pactar unha serie de puntos sen relación coas reivindicacións dos avogados e avogadas de oficio. Aí si pensamos que nos queren marear e cansar mais agora xa estamos en marcha e non pararemos coa folga e non só por cuestións laborais, senón porque cremos na xustiza gratuíta dentro dun sistema democrático.

-Os avogados e avogadas de oficio en Lalín están en folga, inmediatamente nomeouse unha serie de letrados e letradas para a quenda de oficio. Que está sucedendo aquí?
Pois a demostración de que os avogados e procuradores de oficio somos os últimos escravos do século XXI. Ocorre que cando estes compañeiros se dan de baixa o Colexio de Avogados envía unha carta notificando ser coñecedor da baixa e dá de alta a todos os avogados e procuradores colexiados dos termos da Estrada e Lalín neste caso. Non poden dicir que non, deben realizar esta quenda de maneira obrigada. Ante isto nós só iremos aos servizos mínimos, que temos autorregulado nós porque a Xunta non cumpriu coa súa obrigación, e por iso comunicamos aos xulgados e á Garda Civil e Policía que non iremos cando non sexa un servizo mínimo. Así, o acto acaba suspendido ou existen algún aviso de apertura de expediente. Realmente é complicado porque estamos realizando un dereito constitucional como é o dereito de folga. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Sentidiño

Na casa do ferreiro, coitelo de pau: os colexios de avogados non recoñecen a liberdade de afiliación sindical. Médic@s, enxeñeir@s, arquitect@s, avogad@s e notari@s son o resto dos gremios medievais no século 21. Liberais só cando lles convén.