Temas: FRASEOLOXíA

“Quen te pariu que te arrole”, equivalente, entre outras, á castelá “que te aguante tu madre”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 14/04/2024 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Hai veces en que, nunha conversa ou relación cunha persoa, chega un momento en que esta nos enche tanto que emitimos cara a ela algunha expresión de rexeitamento, indicándolle que nos resulta insoportable ou inaguantable, e mesmo en ocasións dándolle a entender que se acabou a conversa ou a relación que estabamos a ter nese momento. En castelán unha desas expresións é (¡) que te aguante tu madre(!).

Un carriño de bebé. Europa Press - Archivo
Un carriño de bebé. Europa Press - Archivo

Para o galego dispomos tamén de secuencias expresivas abondas que dan conta desa mesma significación, como a continuación amosamos:

(¡)Que te aguante tu madre(!)

{= Expresión de rexeitamento que se lle dirixe a alguén para indicarlle que é insoportable ou inaguantable, e mesmo tamén, en non poucas ocasións, que se acabou a conversa ou a relación que estaban a ter nese momento.}

(¡)Quen te pariu que te arrole(!)

(¡)Quen te pariu que te empane(!)

(¡)Quen te pariu que te lamba(!)

(¡)Quen te pariu que te manteña(!)

[E MESMO]:

(¡)Quen te pariu que te arrole, e quen te fixo que axude(!)

Ex.: ¡Ya está bien, chico! ¡Que te aguante tu madre, que me tienes hasta la coronilla!

¡Xa vale, paisano! ¡Quen te pariu que te arrole que te empane que te lamba, que me tes ata as tapas!

● Tamén:

(¡)Que te ature/aguante/soporte túa nai(!) && (¡)Que te ature/aguante/soporte quen te pariu # quen te fixo(!) && (¡)Que te ature/aguante/soporte Cristo bendito(!) && (¡)Que te ature/aguante/soporte quen non te coñeza(!)

● Tamén, en contextos, xa que sobre todo dan a entender que nos atopamos ante unha persoa que non é de fiar, que non é trigo limpo ou que, como pouco, ten malicia ou vicios ou defectos agochados (véxase a nota número 1):

(¡)Quien no te conozca que te compre(!)

(¡)Quen te pariu que te merque(!) && (¡)Quen te pariu que te pape(!) && (¡)Quen te pariu que te manteña(!)&& (¡)Quen te pariu que te manteña, e se non que te venda(!) && (¡)Quen te pariu que te manteña; (e) se non te quere manter, que te leve á feira a vender(!) && (¡)Quen te leve que te ferre(!) && (¡)Quen non te coñeza que te compre # que te merque (!)&& [E INDA, NESTA MESMA LIÑA]: (¡)Méé, fillo de ovella, quen te pariu que te manteña; (e) se non te quere manter, que te leve á feira a vender(!)

● Mesmo tamén, en situacións asociadas a contextos de uso coloquiais, e tendo en conta que nestes casos tamén se podería botar man das expresións recolleitas nos artigos “Mandar ó nabizo”, equivalentes, entre moitas outras, á castelá “mandar a freír espárragos” (1ª parte) e mais “Mandar ó nabizo”, equivalente, entre moitas outras, á castelá “mandar a freír espárragos” (2ª parte):

(¡)Piérdete(!) && (¡)Vete a tomar viento(!) && (¡)Vete a tomar (el) aire(!)

(¡)A rañala(!) && (¡)Vaina rañar # Vai rañala(!) && (¡)Vai dar unha volta/voltiña(!) && (¡)Vai tomar o aire(!)&& (¡)Pérdete(!)

 

● Tamén, en contextos:

(¡)Pasa de mí(!) && (¡)Olvídame(!)

(¡)Pasa de min(!) && (¡)Esquéceme(!)

 

● E inda tamén, en contextos, e posiblemente con maior carga de coloquialidade e máis asociadas a unha linguaxe vulgar ou procaz:

(¡)Que te jodan(!) && (¡)Que te follen(!)

(¡)Que te fodan(!) && (¡)Que che dean(!)&& (¡)Que che vaian dando(!)

 

NOTAS:

1. Nótese que (bardante das expresións que se inclúen no primeiro “Tamén” e mais nesta táboa do final) as secuencias reflectidas para galego poden dar conta así mesmo dun significado que se viría a corresponder co enunciado castelán (¡)quien no te conozca que te compre(!), enunciado co que basicamente se dá a entender que a persoa de referencia non é de fiar, non é trigo limpo ou, como pouco, ten malicia ou vicios ou defectos agochados. Ex.:

Ex.: ¡¿Pero con que excusas baratas me vienes ahora, chaval?! Mira, quien no te conozca que te compre, pero a mí no me la das más.

¡¿Pero con que escusas de mal pagador me vés agora, meu home?! Mira, quen non te coñeza que te compre quen non te coñeza que te merque. && Mira, quen te pariu que te arrole que te empane que te lamba que te manteña que te merque que te pape que te manteña; (e) se non te quere manter, que te leve á feira a vender. && Mira, quen te leve que te ferre. && Mira: méé, fillo de ovella, quen te pariu que te manteña; (e) se non te quere manter, que te leve á feira a vender.

2. Como non é difícil de notar, as secuencias das que demos conta poden mudar a persoa de referencia, de xeito tal que se pode pasar desde unha segunda persoa de singular a unha terceira persoa singular ou a outras. Ex.:

(¡)Quen a pariu que a arrole(!)

(¡)Quen o pariu que o empane(¡)

(¡)Quen as pariu que as lamba(¡)

Etc.

De feito, e como meros exemplos, na “Fraseoloxía de Moscoso e outros traballos de tradición oral”, de José Augusto Ventín Durán, recóllense as seguintes expresións:

O neno, quen o pariu que o arrole, e se non, que volva ó fole

Fillos.... quen os pariu que os arrole, e se non, pasar sen home

3. No traballo “Largando aparellos nos caladoiros do Morrazo”, de Salvador Castro Otero e outros, recóllense tanto as secuencias expresivas o que # quen os pariu que os lamba e mais quen pariu que abane como enunciados con que se manifesta que a persoa que ten fillos debe coidalos, sen pretender delegar noutras persoas ese labor. Ex. (tirado tal cal do dito traballo):

Ex.: Sabes que che digo? O que os pariu que os lamba, non tes por que cargar a túa tía cos teus fillos, e menos para ir de festa.

4. As expresións e solucións galegas están tiradas das seguintes fontes, ou inspiradas nelas:

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Castro Otero, Salvador et alii: “Largando aparellos nos caladoiros do Morrazo”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 22, 2020, páxs. 231-256. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Da Cerna: “Ditos, frases feitas e refráns”, no blog “Da Cerna”, accesible no enderezo https://dacerna.blogspot.com/p/ditos-e-frases-feitas.html.

- Martíns [antes, Martínez] Seixo, Ramón Anxo: “108 fórmulas galegas”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 9, 2007, páxs. 235-246. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Real Academia Galega: Dicionario da Real Academia Galega (versión en liña).

- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Vázquez Saco, Francisco: Refraneiro galego e outros materiais de tradición oral. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 5, 2003. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Ventín Durán, José Augusto: “Fraseoloxía de Moscoso e outros materiais de tradición oral”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, anexo 1, 2007.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta